O Consorcio de Santiago celebrou a semana pasada unha xornada de portas abertas na igrexa conventual de Santa Clara para dar a coñecer as monteas do século XVIII descubertas no pavimento do templo. Ante o éxito desta primeira experiencia, que tivo unha grande afluencia de público, os organizadores decidiron repetila. Tanto os expertos como o público en xeral terán unha nova oportunidade de achegarse a este conxunto, o máis completo e de mellor calidade que se coñece ata o momento e o máis destacado do barroco en toda Europa. A cita terá lugar o vindeiro xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas.
Un dos expertos que integran o equipo que está a estudar este achado dará a coñecer os avances das investigacións. Trátase do profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago Miguel Taín Guzmán, especializado en Historia da Arquitectura, en particular do barroco. Ofrecerá unha charla divulgativa e acompañará, xunto con técnicos do Consorcio, aos asistentes nun percorrido para ver as monteas in situ unha a unha.
Este descubrimento fíxose cando a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago estaba a iniciar a restauración da tarima de madeira que cobre o chan da igrexa. Debaixo da tarima apareceu o pavimento de pedra granítica completamente cuberto por monteas, debuxos a tamaño natural realizados pola cuadrilla que no seu día traballou na construción do edificio e que servían como guía aos canteiros á hora de tallar cada pedra.
Os técnicos do Consorcio de Santiago están na actualidade a medir todos as liñas e elementos que conforman este singular conxunto de monteas, co fin de poder reproducilas na tarima de madeira que cubrirá o pavimento do templo unha vez restaurada. Así, esta xornada de portas abertas representa unha última oportunidade para que o público poida coñecer os debuxos orixinais. Na sesión anterior acudiron profesionais tan diversos como historiadores, arqueólogos, canteiros, ferreiros… ademais de cidadáns interesados neste descubrimento.