O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso público a contratación de tres novas obras. Trátase da renovación das carpinterías e limpeza da fachada sur do Pazo de Raxoi, sede do Concello; a reparación da tarima da igrexa do Convento de Santa Clara; e a mellora da accesibilidade e outras intervencións no Teatro Principal. O vindeiro luns 7 de abril celebrarase unha xornada informativa na sede da Confederación de Empresarios de Galicia, co fin de que as empresas interesadas en desenvolver algún destes proxectos coñezan mellor as obras da man de arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio.
Renovación das carpinterías e limpeza da fachada sur do Pazo de Raxoi
Na actualidade todas as carpinterías da fachada sur do Pazo de Raxoi atópanse en estado deficiente de conservación, o que provoca falta de estanquidade e ausencia de confort térmico nas estancias municipais. Parte destes problemas son consecuencia do mal estado da fachada, que presenta numerosos puntos de entrada de auga.
Por outro lado, “os elementos constituíntes das varandas de forxa desta fachada están afectados gravemente pola corrosión e fáltanlles unha gran cantidade de pezas. Ademais, as fixacións á fachada están moi deterioradas e poden chegar a caer en calquera momento, o que supón un grave perigo para os usuarios do edificio e os viandantes, polo que é urxente a súa restauración” -explica o arquitecto do Consorcio Xosé Allegue-.
Con esta intervención, cuxo orzamento global é 104.332,43 euros, búscase mellorar a eficiencia enerxética do edificio. Os obxectivos principais son a renovación de carpinterías e a limpeza da fachada, incluíndo a renovación dos rexuntados que estean deteriorados. A finalidade é impedir a entrada da auga no interior da pedra e evitar o crecemento da flora. En relación á carpintería, renovaranse todas as follas interiores e exteriores. As carpinterías enrasadas á fachada substituiranse por outras idénticas, completando as faltas de material nos marcos de pedra.
Reparación da tarima da igrexa do Convento de Santa Clara
A tarima da igrexa do Convento de Santa Clara foi reparada en moitas ocasións, nas que foron substituídas moitas táboas. A tarima está colocada mediante cravos a un orde de restreis de madeira que, co paso dos anos, vense afectados pola podremia. Ademais, en moitas zonas a tarima está nun estado que non consente o deambular seguro, polo que é preciso a súa reparación.
O proxecto inclúe a desmontaxe e retirada da tarima actual. Repoñerase coa propia tarima recuperada ou con nova madeira de características similares á existente. O orzamento total desta intervención ascende aos 71.859,47 euros.
Proxecto de accesibilidade e renovación no Teatro Principal
Para resolver todos os problemas derivados do estado de conservación do Teatro Principal, o Consorcio de Santiago propón unha serie de actuacións, cun orzamento de 88.867,23 euros. Así, procederase á renovación da maquinaria de climatización, do corpo de vestiarios e da sala de máquinas.
Por outro lado, mellorarase a accesibilidade do edificio, incluíndo un aseo adaptado na planta baixa. Substituirase a instalación de iluminación do teatro, das oficinas e dos vestiarios por lámpadas LED para diminuír o consumo de enerxía eléctrica. Actualizarase a instalación de protección contra incendios. E levaranse a cabo unha obra de mantemento da estrutura de madeira do edificio e das súas cubertas.