O 29 de decembro, último día para visitar na Casa do Cabido a mostra “A paisaxe e a súa pegada II”

domingo, 15 Decembro, 2019

No marco do proxecto expositivo “Imaxinando Compostela”, que o Consorcio de Santiago está a promover vencellado ao Xacobeo 2021, a Casa do Cabido acolle, dende o pasado mes de outubro, a segunda parte da exposición “A paisaxe e a súa pegada”. Os fotógrafos Andrea Costas, Eva Díez, Denís Estévez e Xoán Soler amosan a súa visión da paisaxe ligada a Compostela como meta e ao propio Camiño de Santiago.

 

O derradeiro día para percorrer esta mostra será o vindeiro domingo, 29 de decembro. O horario da Casa do Cabido é de 11:00 a 14:00 e de 15:00 a 20:00 horas, de martes a sábado. Os domingos abre pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e os luns permanece pechada ao público.

 

A mirada dos catro fotógrafos

 

Os catro fotógrafos descobren nas súas obras distintas formas de encarar o traballo fotográfico. A realidade é o punto de partida, pero a partir de aí cada un aborda coa súa cámara estratexias diferentes, buscando ese punto de inflexión que lles permita cruzar a liña do imaxinario a través do mundo do soño, o misterio ou a alegoría. Nas fotógrafas e fotógrafos desta exposición hai unha vontade de estilo propio, unha intención artística de explorar a maternidade como un territorio de tránsito ou proxectar paisaxes ocultas entre a néboa, atrapados no silencio da noite ou na beleza do paso das nubes.

 

Ademais, xogando coa transversalidade da arte, fotografía, literatura e poesía fúndense nunha aventura común. Así, fragmentos literarios e poéticos de Ramón María del Valle-Inclán, Jorge Luís Borges, Olalla Barro López e do xaponés Junichiro Tanizaki acompañan esta viaxe fotográfica, compartindo espazo coas imaxes.