O alcalde de Santiago, Ángel Currás, recibiu esta mañá ao director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia (RFG), Paul Daniel, para facer un repaso da temporada que acaba de rematar e dar a coñecer a correspondente a 2014-2015, que se presenta mañá mércores. O mestre leva a batuta da orquestra dende 2013, cargo que compaxina coa dirección musical da Orquestra Nacional de Burdeos. Ademais, dende o ano 2009 é o principal director e conselleiro artístico da West Australian Symphony Orchestra de Perth.
Paul Daniel dirixiu a English National Opera e as óperas Factory e North e colaborou coas mellores orquestras do mundo. A súa gravación da Sinfonía número 3 de Elgar/Payne coa Bournemouth Symphony Orchestra converteuse nun dos discos de música clásica máis vendidos en 2000. Entre os premios que ten recibido destaca un Olivier pola súa aportación á ópera e un Gramophone pola súa serie sobre música inglesa gravada co selo Naxos. Nos New Year’s Honours de 2000 foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico.
A Real Filharmonía de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia, que nace en 1996 da man da Xunta de Galicia, está xestionada polo Consorcio de Santiago e ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. A orquestra está formada por cincuenta músicos de diferentes nacionalidades. O seu director asociado é o mestre compostelán Maximino Zumalave e o principal director convidado é o alemán Christoph König.
A RFG colabora con directores e solistas de recoñecido prestixio nacional e internacional. Mantén unha temporada estable no Auditorio de Galicia, que compatibiliza con xiras e concertos nos escenarios de países como Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal; ademais das principais cidades españolas e galegas, onde destaca a súa participación na temporada cultural de Vigo.
Na discografía da RFG resaltan dous traballos inéditos dedicados a Manuel de Falla e Frederic Mompou, publicados en 2009, e o dedicado a Maurice Ravel, editado en 2012. O seu último disco, de 2013, leva por título “Variacións” e é unha homenaxe da orquestra e a soprano María Bayo ao recoñecido compositor aragonés Antón García Abril.