O alcalde de Santiago visita catro das sete fontes históricas restauradas na cidade

mércores, 27 Novembro, 2013

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promoveu a restauración de sete fontes históricas da cidade. Trátase das fontes de Fonseca, Fonte Sequelo, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Martiño Pinario, Toural e Santa Clara. O proxecto, cun presuposto global de 93.083,50 euros, está financiado polo Ministerio de Fomento. O alcalde, Ángel Currás, acompañado da xerente do Consorcio, María Antón, visitaron catro delas para comprobar os resultados dos traballos.

 

O arquitecto do Consorcio responsable do proxecto, Xosé Allegue Fernández, sinala que “ademais da restauración, buscábase a recuperación da súa funcionalidade, conservación e posta en valor”. Así, as diferentes intervencións complétanse co deseño dunha estratexia de mantemento, limpeza e conservación axeitada das fontes.

 

Restableceuse o abastecemento da rede histórica onde foi posible, nas fontes con manancial propio revisouse a captación e comprobáronse as fugas, mentres que nas fontes ornamentais deseñouse un sistema de filtrado e recirculación para evitar un consumo innecesario de auga. Os traballos contaron cun equipo multidisciplinar, formado por un arquitecto, un arqueólogo, un restaurador e un enxeñeiro.