O Consorcio de Santiago e a editorial Guiverny acaban de publicar El Pazo de San Lourenzo de Trasouto. De oratorio franciscano a retiro señorial. O historiadorlucenseJuan David Díaz López (Lugo, 1982), licenciado en Historia da Arte e en Xornalismo, realizou este traballo no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago. No seu desenvolvemento contou coa colaboración dos propietarios actuais do pazo, José María Ruíz de Bucesta e a súa familia, que contribuíron a documentar a historia do patrimonio familiar. Así mesmo, recurriu ao Arquivo Histórico da USC, ao Arquivo da Catedral de Santiago e ao Arquivo do convento de San Francisco. Os arquitectos José Antonio Franco Taboada e Santiago Tarrío proporcionáronlle planos de interese que se recollen na publicación.
O historiador explica que “o xeito de vivir neste lugar sempre partiu dun nexo común: a valoración da natureza como medio propicio para o retiro e a saúde do espírito. O afán eremita co que os frailes se recluíron entre os seus muros ten continuidade na vida do pazo, que hoxe é utilizado como residencia ocasional”.
O estudo aborda todas as vicisitudes que ten vivido o pazo ao longo da historia. Tal como indica no prólogo o profesor Alfredo Vigo Trasancos, catedrático de Historia da Arte da USC,“diríase que, camuflado como está polo vistoso arboredo que se desprega frondoso no val do Sarela, quedase o conxunto medio oculto ás miradas distraídas dos transeúntes; incrementa este efecto o feito de que estea o edificio alonxado do casco urbano, sexa ademais moi lacónico e desornamentado na súa arquitectura exterior, teña unha volumetría horizontal dominante e posúa así mesmo unha organización volcada cara ao interior, onde un claustro, hortos, discretos xardíns e ata un bosque de certa extensión quedan resgardados tras uns poderosos muros”.
Ocupantes ilustres como o emperador Carlos V ou a raíña Fabiola de Bélxica
O pazo foi un pequeno oratorio ermitán no século XIII, logo un convento franciscano alonxado do centro urbano na tardía Idade Media, posteriormente un edificio abandonado que case se converte nunha ruína romántica durante a desamortización decimonónica e, finalmente, a partir de 1880, un pazo de recreo onde os seus novos propietarios, descendentes da ilustre casa dos Condes de Altamira, teñen desfrutado en multitude de ocasións de plácidas xornadas de lecer estival.
O autor debulla os pormenores históricos do pazo, quenes foron os seus ocupantes máis ilustres -entre eles un arcebispo tachado de nigromante, o compostelán Pedro Muñiz; o afamado emperador Carlos V; e ata unha raíña recente, Fabiola de Mora e Aragón, que estivo casada co rei Balduino de Bélxica-. Tamén fai un percorrido por todos os seus detalles artísticos, a súa arquitectura e os seus espazos interiores cheos de personalidade; a través das obras de arte máis destacadas que atesoura e ata a súa vistosa natureza.
Pezas de gran valor artístico como o seu retablo de mármore, os sepulcros dos marqueses de Ayamonte, tapices e un labiríntico xardín de buxo
Díaz López pon en valor a igrexa do pazo, coa súa estrutura románica orixinal e a súa ampliación barroca, e o seu claustro. Tamén incide nas reformas que se acometeron no conxunto a finais do século XIX, cando o adquiriu a duquesa de Medina de las Torres, María Eulalia Osorio de Moscoso y Carvajal, descendente da Casa de Altamira, e que lle deu o aire pacego que ten na actualidade.
Dentro da igrexa resalta o valor singular do retablo marmóreo que o taller renacentista dos Aprile realizou por encargo dos marqueses de Ayamonte e chegou a Santiago tras unha axitada viaxe por mar dende Sevilla na plenitude do século XIX, xunto cos dous sepulcros dos citados marqueses, que, segundo o autor, “delatan o desexo dos herdeiros da Casa de Altamira de arraigar en Trasouto”. Sobresae así mesmo, polo seu sorprendente valor, a imaxe da Virxe da Silla do século XVI, que foi traída tamén dende Sevilla.
O historiador destaca igualmente o interese artístico dos distintos retablos e imaxes, algunhas delas atribuídas ao insigne escultor galego José Gambino. Tamén os tapices que decoran algúns dos salóns ou o órgano do século XVIII que se dispón no coro.
No corazón da austera arquitectura conventual os frailes concibiron unha obra única da xardinería xeométrica, o xardín de buxo que preside o claustro. Cunaspecto labiríntico, debuxa símbolos e motivos heráldicos que teñen que ver co que foi o pazo cando era un oratorio franciscano.