O Consorcio de Santiago aproba os presupostos para o vindeiro ano, que ascenden a 9.717.471,05 euros

mércores, 11 Decembro, 2013

O Consorcio de Santiago aprobou os presupostos do organismo para o vindeiro ano, que ascenden a 9.717.471,05 euros. A aportación da Administración Xeral do Estado é de 4.795.150 €, o Concello de Santiago achega 1.361.295,28 e a Xunta de Galicia 3.284.413 .

 

Para os gastos correspondentes a Dirección e Administración Xeral, o Consorcio destinará un total de 907.141,21 , o que representa un 9,34% do orzamento global. Ademais, a estrutura deste presuposto componse de tres programas operativos: Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica, para o que se dedicarán 530.900,56 (5,46% do total); o Programa de Recuperación Urbana ten un orzamento de 3.370.196,84 (34,69%); e o Programa de Dinamización Turístico-Cultural conta cun presuposto de 4.909.232,44 (50,51%).

 

O Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica

 

No marco deste programa destaca a continuación de iniciativas vencelladas ao Sistema de Información Patrimonial da cidade de Santiago de Compostela (SIP). Así, realizarase a catalogación e o arquivo das intervencións do Consorcio ao longo da súa historia para introducir os datos no SIP. E incluiranse os planos dos edificios máis importantes da cidade.

 

O Programa de Recuperación Urbana

 

É o obxectivo primordial do Consorcio de Santiago. Para 2014 prevense actuacións en edificacións de titularidade privada, coa posta en marcha dunha liña de axudas destinadas ao mantemento do parque edificado, con especial atención a todo o relativo ao aforro enerxético, mellora da estética exterior, contaminación visual e lumínica… entre outros aspectos. Para esta liña de axudas habilitarase un crédito de 95.000 euros.

 

No relativo á conservación e protección dos monumentos, para o exercicio 2014 o Consorcio destinará 1.427.379 euros para a continuación do proxecto de restauración das Torres da Catedral iniciado este ano.

 

O Programa de Dinamización Turístico-Cultural

 

Neste programa inclúense diversas actuacións, entre elas a mellora na docencia artística, o incremento da exhibición musical, xunto á promoción dos mozos no eido musical. Nesta liña, este é o terceiro ano de xestión conxunta da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais.