O Consorcio de Santiago celebrou o venres 20 de decembro a súa Comisión Executiva e o seu Consello de Administración. Ambas xuntanzas celebráronse no Pazo de Vaamonde e estiveron presididas pola presidenta do Consorcio e alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín. En representación da Administración Xeral do Estado acudiu o Inspector Xeral do Ministerio de Facenda, Ángel Esteban Paul, e, por parte da Xunta de Galicia, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; a secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Elvira Casal; e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila.
Na xuntanza aprobáronse as liñas habituais de traballo para o 2025 que inclúen o programa “A pedra que pisas”, ao que Consorcio de Santiago destinará o vindeiro 2025 un total de 194.851,15€ á conservación e mantemento dos pavimentos e lousados do recinto intramuros da Cidade Histórica.
Información, Estudo e Divulgación
O Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da Cidade Histórica comprende a coedición de publicacións vencelladas á cidade -no 2025 está previsto que saian á luz un total de nove novas publicacións-, así como a organización de tres exposicións na Casa do Cabido, entre outras iniciativas.
Continuarase ademais co escaneado das publicacións esgotadas para a súa posterior publicación na páxina web do Consorcio, o que permitirá a súa consulta tanto por parte de investigadores como de particulares.
Dinamización Cultural e Turística
O Programa de Dinamización Cultural e Turística inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, e a colaboración con diferentes entidades da cidade, de cara a promover actividades culturais como o espectáculo dos fogos do Apóstolo, o festival Cineuropa, diversas iniciativas culturais do Auditorio de Galicia, Programa Conciencia da Universidade de Santiago ou Música en Compostela. A maiores, co motivo da celebración do 30 aniversario da Fundación Granell, a súa axuda medraría en 20.000€.
O Consorcio de Santiago ten prevista nunha nova xuntanza antes de que remate o ano, probablemente o vindeiro 27 de decembro, para aprobar aqueles puntos que precisan concretar detalles técnicos e que hoxe quedaron adiados ata esa nova reunión.