
O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora presentaron este martes 9 de decembro no auditorio do Museo do Pobo Galego a publicación "Un paseo ilustrado por Santiago de Compostela", pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio de Santiago. A obra recolle 50 acuarelas de espazos emblemáticos da cidade realizadas por José Baqueiro Canabal, as que acompañan textos elaborados pola historiadora Elena Iglesias Durán en tres idiomas, castelán, galego e inglés, coa tradución deste último a cargo de María Recouso Barbeito.
Na presentación o autor estivo acompañado por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; María Concepción Losada Vázquez, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego; Henrique Alvarellos Casas, director de Alvarellos Editora; Manuel Fraga Carou, xornalista e autor do prólogo da publicación; e en calidade de asistente, Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia.
Na publicación "Un paseo ilustrado por Santiago de Compostela" o autor ofrece ao lector un evocador percorrido polo casco histórico da cidade a través de detallados debuxos de espazos icónicos, como a Porta de Mazarelos, a Rúa de San Pedro ou o Parque de Bonaval.
O libro, que comeza cun prólogo do xornalista Manuel Fraga Carou, está orientado cara o público local como para o visitante porque recolle tanto fermosas imaxes como numerosas anécdotas e datos curiosos relacionados coa historia da cidade.
Un fermoso percorrido
Na súa intervención, a alcadesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo fincapé no valor da publicación pola súa formar de achegar a cidade tanto as persoas que viven nela como aos visitantes dun xeito tan creativo e fermoso.
Para Goretti Sanmartín, esta publicación invita a seguir un percorrido fiel a monumentalidade de Santiago e as súas singulares particularidades.
Sobre o autor
José Baqueiro Canabal é un santiagués que naceu no casco histórico, onde segue a residir. Axiña apunta maneiras para o debuxo e, de rapaz, asiste ás clases do mestre e artista Antonio Moragón na Escola de Artes. Baqueiro, que foi un innovador empresario do sector téxtil, tamén dedicou unha parte da súa vida á política municipal. Formou parte dos gobernos de Xerardo Estévez e Xosé Bugallo no período 1991-2011, e foi tenente de alcalde, así como responsable das áreas de Turismo, Cultura e Festas, entre outras delegacións. O inquedo compostelán exhibe, de novo, o seu talento artístico neste segundo libro de acuarelas, o primeiro sendo "Recorrer y recordar Santiago de Compostela", con textos de Xosé A. Perozo e publicado por Auga Editora.