O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentan tres libros da crítica de arte Mercedes Rozas

xoves, 21 Xullo, 2022

O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentaron este xoves tres libros editados pola crítica de arte e comisaria de exposicións Mercedes Rozas, pertencentes á Biblioteca de Imaxes do Consorcio.

 

Destes tres tomos, 'A Paisaxe e a súa pegada' recolle imaxes tomadas por fotógrafos en Santiago e polos camiños que levan a Compostela mentres que 'A poética da ilusión' e 'Unha habitación para a noite' forman parte do proxecto 'Dobre Quadratura' que desenvolveu o Consorcio de Santiago en diferentes mostras.

 

Ao acto de presentación, realizado no Salón de Actos de Afundación na Rúa do Vilar, acudiu a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a comisaria das exposicións Mercedes Rozas; así como os responsables de publicacións do Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións, Juan Conde e José Luís Teófilo. Tamén acudiron varios dos fotógrafos que tomaron fotografías recollidas nos tres libros.

 

A paisaxe e a súa pegada

O primeiro deles, 'A paisaxe e a súa pegada', parte do proxecto expositivo 'Imaxinando Compostela' que o Consorcio de Santiago impulsou vencellado ao Xacobeo 2021 no que se exhibiron, en dúas mostras na Casa do Cabido 'A paisaxe e a súa pegada I' e 'A paisaxe e a súa pegada II'.

 

Nestas exposicións recollíase a visión de oito fotógrafos sobre a paisaxe ligada a Compostela como meta do Camiño a Santiago. Mercedes Rozas recolle agora nun libro esas fotografías tomadas por Alberte Peiteavel, Andrea Costas, Denís Estévez, Eva Díez, Javier Teniente, Sheila Pazos, Tino Viz e Xoán Soler.

 

A poética da ilusión e Unha habitación para a noite

Dobre Quadratura foi, en palabras da autora do catálogo e comisaria da exposición, unha experiencia visual que se desenvolveu en Santiago nos últimos catro anos e supuxeron un continuum con varias mostras, entre as que están 'A paisaxe e a súa pegada I e II', 'Ramón Sánchez Estalote, memoria dun tempo' e 'Rostros. Carlos Maside'.

 

Entre xaneiro e marzo de 2021 concorreron na Casa do Cabido dous "quadratistas" contemporáneos como son Lois Patiño e Jorge Perianes, nunha dobre mostra na que se fragua unha das melloras demostracións escénicas do estilo barroco compostelán. Desta exposición xorden estes dous catálogos.

 

"A miña obra mantense en clara conexión coa liña argumental que vén definindo a miña proposta teórica desde hai xa uns anos: a circunvalación do ser", indica o artista ourensán Jorge Perianes sobre 'A poética da ilusión'.

 

Pola súa parte, o vigués Lois Patiño centrouse na noite para a súa mostra 'Unha habitación para a noite'. "É de noite e o sono empeza a conquistar, pero non sen opoñer resistencia. Espazo de adormecemento onde o real e o soñado -exterior e interior- se confunden. As pálpebras absorben a noite, entrementres a nosa imaxinación a axita. As formas dilúense, na noite da noite, e fúndense entre elas", indica o autor.

 

Sobre a autora

Mercedes Rozas Caeiro é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago na especialidade de Historia da Arte Moderna e Contemporánea. É membro do padroado do Museo do Pobo Galego. Desde os anos oitenta desempeña o seu traballo entre o ámbito do comisariado expositivo e a crítica de arte, colaborando con distintas institucións e en diferentes medios de comunicación e revistas especializadas.