O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións presentan un libro que recolle o labor de Dionisio Fierros en Galicia

Presentación libro "Dionisio Fierros en Galicia. Pintura, invención e oficio”
martes, 15 Abril, 2025

O Museo do Pobo Galego acolleu este martes 15 de abril a presentación do libro Dionisio Fierros en Galicia. Pintura, invención e oficio, escrito polo doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela Diego Rodríguez Paz. A publicación, coeditada polo Consorcio de Santiago xunto a Teófilo Edicións, pertence á Biblioteca Científica do Consorcio.

 

Na presentación o autor estivo acompañado pola alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, María Concepción Losada Vázquez; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez; o catedrático de Historia da Arte da facultade de Xeografía e Historia da USC, José Manuel López Vázquez; o director de Teófilo Edicións, José Luis Teófilo e o responsable de publicacións do Consorcio de Santiago, Juan Conde Roa.

 

Dionisio Fierros en Galicia. Pintura, invención e oficio ofrece un estudo exhaustivo da produción do artista en Galicia durante o século XIX, achegando luz e unha nova visión sobre quen foi un dos pioneiros nun xénero costumista de asuntos xenuinamente galegos, así como un piar fundamental na conformación dunha escola de pintura galega consciente de si mesma. 

 

Arte e historia

 

Na súa intervención, a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou o valor artístico da obra de Dionisio Fierros, do cal se conserva no Pazo de Raxoi un óleo seu datado do 1857, un retrato de Alfonso XII que " leva séculos sendo testemuña de como cambia a vida, os costumes e o comportamento das persoas que habitan en Raxoi".

 

Para Goretti Sanmartín, este libro non só achega unha rica análise da obra do pintor, senón que tamén ilustra o contexto social e cultural da época na que traballou, "facendo unha idea de como era clase media compostelá a mediados do s. XIX" e do prestixio social que tiña o retrato.

 

Asemade, destacou a importancia desta obra "necesaria para a memoria colectiva de Compostela en primeiro lugar e de todo país, mais tamén para o corpus literario sobre arte no sistema literario galego".

 

Sobre o autor

 

Diego Rodríguez Paz (Ribadeo, 1985) é doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de ensino secundario. Coa súa tese monográfica sobre Dionisio Fierros obtivo Premio Extraordinario de Doutoramento; a publicación Dionisio Fierros en Galicia. Pintura, invención e oficio é froito desa investigación.

 

Arredor deste tema ten publicado artigos en revistas científicas e libros especializados. Interesouse ademais por outras cuestións como a arquitectura de indianos en Galicia. No eido da historia da arte impartiu docencia de grao en distintas materias na USC, e tamén ten colaborado como asesor en exposicións.