O Consorcio de Santiago e a USC publican "De Compostela a los Andes: Santiago vive", sobre o culto ao Apóstolo Santiago en América Latina

xoves, 11 Xullo, 2024

O volume aborda a expansión do culto ao Apóstolo no continente americano e a súa influencia iconográfica


A Facultade de Filosofía acolleu esta tarde a presentación do libro "De Compostela a los Andes: Santiago Vive", escrito pola doutora en Historia da Arte chilena Olaya Sanfuentes. A publicación, coeditada polo Consorcio de Santiago xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, forma parte da Biblioteca Científica do Consorcio.

 

Na presentación a autora estivo acompañada pola xerente do Consorcio Belén Hernández, a vicerreitora de Política Científica da USC Pilar Bermejo Barrera, o profesor de Historia da Arte Juan Monterroso e os responsables dos departamentos de publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco e Juan Conde respectivamente.

 

A obra é o resultado dun traballo de investigación realizado a partir dun amplo estudo da iconografía cristiá arredor da figura de Santiago o Maior, patrón de numerosas poboacións sudamericanas, entre elas, a cidade de Santiago de Chile, e a súa chegada dende España, especialmente a partires do século XVI, mostrando a gran influencia que tivo en ambos continentes.

 

Nos sete capítulos dos que consta a obra a autora fai un orixinal repaso sobre a figura do apóstolo Santiago en España e América, a través das súas imaxes e ritos. No libro explica como a personaxe comeza sendo representada coma un peregrino e logo coma "Matamoros", para así mostrar a importancia da destrución dos inimigos da fe cristiá na España do medievo. Ao chegar a América, Santiago volve a cambiar de significado, nacendo a figura de Santiago "Mataindios", para ilustrar a loita cos novos inimigos da cristiandade: os indíxenas americanos. Posteriormente seguen aparecendo novos Santiagos. Por exemplo, na Guerra do Pacífico, atópanse imaxes peruanas de Santiago "Mata chilenos", e durante a ditadura franquista en España aparece o "Santiago Matacomunistas".

 

Sobre a autora

 

Olaya Sanfuentes é profesora titular da Pontificia Universidad Católica de Chile. Estudou a súa licenciatura en historia na mesma casa de estudos, logo obtivo un Master Of Arts en Georgetown University e o seu doutorado en Historia da Arte na Universidad Autónoma de Barcelona. Ensina e investiga temas relacionados coa historia visual e cultura material de América Latina e publicou varios capítulos de libros e artigos destas temáticas. É tamén autora do libro "Develando el Nuevo Mundo. Imágenes de un proceso" (Ediciones USC, 2009). Escribe, así mesmo, libros de historia para nenos.