O Consorcio de Santiago oferta sete prazas de emprego para primeiras experiencias profesionais dun ano de duración

venres, 29 Xullo, 2022

O Consorcio de Santiago vén de publicar no portal de emprego do Goberno de España, Empléate, sete ofertas de emprego dentro do “Programa de primera experiencia profesional en las administraciones públicas", de contratación de persoas novas desempregadas.

 

Estas prazas, que terán unha duración dun ano, ofértanse a persoas desempregadas menores de 30 anos que completaran a súa etapa formativa e acrediten os coñecementos precisos.

 

Entre os perfís que se ofertan están o dun enxeñeiro/a industrial, dous arquitectos/as técnicos, un graduado/a en Economía ou ADE, un graduado/a en Dereito, e un enxeñeiro/a agrónomo ou forestal. Ademais, tamén se oferta un perfil de licenciado/a superior para a oficina técnica da Real Filharmonía de Galicia.

 

Estas ofertas fanse grazas ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Servizo de Emprego Público Español (SEPE) e financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea.

 

A presentación de solicitudes remata o día 2 de setembro. Toda a información está dispoñible no portal Empléate.