Apróbase a temporada 2024–2025 da Real Filharmonía de Galicia
O Consorcio de Santiago reuniu esta mañá a súa Comisión Executiva. A xuntanza mantívose de xeito presencial na sede do Consorcio de Santiago no Pazo de Vaamonde e estivo presidida pola alcaldesa da cidade e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín.
Na comisión participaron, en calidade de vogais Juan Ángel Esteban Paul, Inspector Xeral do Ministerio de Facenda, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, José Manuel González García, Vicesecretario do Concello e Secretario do Consorcio, Juan Ramón Gónzalez Carnero, Interventor do Consorcio e do Concello de Santiago e a súa xerente, Belén Hernández, así como os voceiros da corporación municipal.
Na xuntanza, fíxose un repaso polo estado das diferentes convocatorias de axudas e os distintos proxectos que está a desenvolver o órgano interadministrativo. Aprobáronse asuntos ordinarios e avanzouse na tramitación das inversións que se realizarán no interior do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, ademais da pasarela que unirá as dúas alas no conxunto de San Domingos de Bonaval.
Deuse conta tamén da tramitación da exposición "Legado Ángel: Arte e oficio en Compostela", unha vez recibida a financiación da Xunta de Galicia e executada en coordinación co Concello de Santiago.
No relativo á Filharmonía de Galicia, foi aprobada a súa programación para este verán xunto coa próxima temporada 2024–2025, que será presentada o vindeiro mes de xuño. Aprobáronse tamén as bases que permitirán a elaboración de novas bolsas de substitución de diferentes especialidades musicais na RFG.