No marco do programa de restauración de monumentos do Consorcio de Santiago, o organismo interadministrativo acaba de sacar a concurso as obras de mantemento da igrexa de San Frutuoso, por un importe global de 117.524 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 26 de novembro para presentar as súas propostas. Prevese que a intervención estea rematada nun período de catro meses.
O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Pablo Tomé. Explica que “a igrexa mantense, en xeral, en bo estado excepto nalgunhas partes nas que cómpre intervir”. No caso do tellado, hai moitas tellas rotas, en particular no ciborio, co conseguinte perigo de desprendemento. Así mesmo, a cuberta de chumbo, tras a fachada principal, encóntrase en moi mal estado, o que provoca a entrada da auga da chuvia na fábrica e no interior da igrexa.
O marco exterior da ventá da fachada principal amosa unha importante greta na xamba norte, de xeito que se procederá á súa restauración. As reixas das ventás das fachadas norte e sur están oxidadas, polo que os marcos que as conteñen presentan roturas debido ao aumento de volume do óxido de ferro. Ademais, tanto o tambor do ciborio como as fachadas laterais teñen un encintado que deixa ver parte da pedra da fábrica, e non a protexe de maneira conveniente da humidade da chuvia.
Tamén se intervirá na estatua da Prudencia
Unha das catro estatuas que representan as catro Virtudes Cardinais, en concreto a da Prudencia, ten na man esquerda unha serpe que está mal suxeita, co consecuente perigo de caída. Así, levarase a cabo a suxeición deste elemento.
“A gran cornixa e o campanario da fachada principal teñen acumulada vexetación que cómpre eliminar de raíz para evitar problemas maiores na pedra nun futuro próximo” -indica o arquitecto-. E as fachadas sur e posterior amosan manchas producidas por fungos e algas.