O Consorcio e Alvarellos Editora editan Recuerdos de agosto. Obra poética, 1850-1858 de Aurelio Aguirre

sábado, 22 Febreiro, 2014

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican a obra definitiva do poeta compostelán Aurelio Aguirre (Santiago, 1833 – A Coruña, 1858), que reúne 133 poemas, máis de 80 son inéditos, nun libro titulado Recuerdos de agosto. Obra poética, 1850-1858. Trátase dunha edición crítica con introdución e notas a cargo da profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González e un estudo histórico do filólogo da Universidade de Vigo Xurxo Martínez González, que inclúe imaxes de manuscritos do propio Aguirre. Algunhas composicións foron escritas en Vigo durante un agosto que pasou na cidade o autor, de aí o título.

 

Os inéditos proceden basicamente de dous manuscritos: Recuerdos de agosto, un poemario que estaba no Museo de Pontevedra, aínda que a súa procedencia orixinal era unha biblioteca particular de Santiago (Colección Antonio Asorey), e que foi localizado grazas ás informacións do investigador rianxeiro Ramón Torrado, e Poesías de D. A. A., conxunto de poemas de xuventude que se atopa na sede da Real Academia Galega.

 

Aurelio Aguirre foi o poeta compostelán máis popular do seu tempo –sinala a sinopse–, o heroe do histórico Banquete de Conxo (1856) –celebración dun xantar de confraternidade entre estudantes e obreiros a favor da liberdade–, amigo íntimo do matrimonio Manuel Murguía e Rosalía de Castro, e compañeiro de toda unha xeración de creadores que, pouco despois da súa morte, protagonizaría o rexurdimento das letras galegas. Coñecido como o Espronceda galego, Aguirre faleceu traxicamente con só 25 anos na praia coruñesa de San Amaro. “Foi un mozo cheo de talento, paixón pola vida e ansias de liberdade nunha Galicia e unha España convulsas baixo o reinado de Isabel II. Pero case ninguén, até agora, se ocupou da súa obra, boa parte dela, inédita”, segundo advirte Alvarellos Editora.

 

Recuerdos de agosto, título co que quixo publicar o seu primeiro libro, contén por vez primeira a versión completa do célebre poema “Brindis”, que Aguirre leu no citado Banquete de Conxo, e tamén “El murmullo de las olas”, poema que a profesora Rodríguez González considera como o “auténtico antecedente da ‘Negra sombra’ de Rosalía de Castro, xa que reproduce a técnica retórica de Aguirre nos seguintes versos: y a todas partes me sigues, / solícita y cariñosa…, / y en todas partes me buscas…, / y en todas partes me nombras…, / y estás conmigo, si velo / y si duermo, en mí reposas, … / y si suspiro, suspiras…, / y si triste lloro, lloras…”. E apostila que exerceu “moita influencia” sobre a poetisa do Sar.

 

En liña co Romanticismo, a profesora Rodríguez González considera que Aguirre asume o papel de poeta “como guía espiritual do pobo e tradutor do sentimento do individuo”. E afirma que o autor enterrado no cemiterio de Boisaca, logo do seu traslado do antigo cemiterio de San Domingos de Bonaval, acabará tendo o sitio que lle corresponde no olimpo galego. “Terá que ser recoñecido  por ocupar un papel central no interesante momento cultural da Galicia de mediados do s. XIX, cando estaban en xogo varios proxectos e estratexias culturais, das que sairá o Rexurdimento Galego. Non só é importante a aportación literaria de Aurelio Aguirre, senón a dos numerosos poetas que canda el estaban activos, especialmente na prensa, en estreita relación coas loitas políticas liberais e a prolongación do Romanticismo europeo en correntes que desembocarán na Fin de Século.

 

A estrutura do libro agrúpase en orde á súa temática: o poeta, a poesía e a arte; poesía ideolóxica e política; poesía amorosa; poesía circunstancial: galante, festiva, fúnebre; e poesía moral e meditativa. “O silencio nun pentagrama lese como unha nota sonora (…) Un poeta tamén leva consigo o instante do silencio (…) Aurelio Aguirre resulta un produto saído deste molde. Un poeta que demandaba a soidade, á sombra dun álamo branco, en San Lourenzo. O mesmo lugar que cantou Rosalía”, escribe o investigador Martínez González no seu estudo histórico.

 

Unha placa no lugar onde naceu da Rúa do Vilar: o número 7

 

O inmoble que hoxe ocupa a Fundación Torrente Ballester, no número 7 da Rúa do Vilar, foi o lugar onde naceu Aurelio Aguirre. Con tal motivo, antes da presentación do libro colocarase unha placa conmemorativa, que incluirá o primiero verso do “Brindis”: “Sol de la libertad, tu lumbre dame”.