O Consorcio e Galaxia publican un libro con fotos e un CD con cancións dedicadas á cidade

mércores, 8 Febreiro, 2017

Baixo o título “Santiago invisible”, o Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia acaban de publicar un proxecto fotográfico, literario e musical centrado na cidade de Santiago e cuxos beneficios se destinarán ao Fondo de Emerxencias de Médicos Sin Fronteras.

 

Colaboran dende personalidades populares ata políticos como os ex-presidentes da Xunta de Galicia

 

O impulsor desta iniciativa e autor das fotografías é o xinecólogo valisoletano afincado na Coruña Chema Ríos Torre, colaborador de Médicos Sin Fronteras a través da Asociación Cultural sen ánimo de lucro Acordes pola Paz. Trátase dun libro composto por máis de 200 fotografías inéditas e singulares da cidade de Santiago, realizadas nos últimos sete anos polo propio Chema Ríos, gran afeccionado á fotografía e á música, e que ofrece unha perspectiva pouco habitual dos espazos máis representativos de Compostela.

 

Boa parte das fotografias foron glosadas, individual e persoalmente, por algún dos 52 persoeiros do ámbito galego e nacional que colaboraron desinteresadamente con este proxecto. Son personalidades tan recoñecidas como os escritores Antonio Gala, Manolo Rivas, Suso de Toro; cantantes como Joan Manuel Serrat, Raphael, Julián Hernández, Antón Reixa; cineastas como Alejandro Amenábar e actores como Luís Tosar ou Manuel Manquiña; presentadores de televisión como o Gran Wyoming ou Xosé Ramón Gayoso; humoristas como Luís Piedrahita e Moncho Borrajo; os ex-presidentes da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño, Fernando González Laxe, Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga; o director da Real Academia Española, Darío Villanueva; o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago Ángel Carracedo; xunto a políticos, economistas, poetas, médicos, sacerdotes, mestres, libreiros, xornalistas, historiadores… ata persoas sen tanta popularidade pero con mestría na pluma.

 

O libro inclúe un CD cun himno a Compostela e cancións vencelladas á cidade, interpretadas por Milladoiro, Susana Seivane ou Rosa Cedrón, entre outros

 

O libro inclúe un CD, gravado no Auditorio de Galicia coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel. Recolle a canción “Himno do máxico amor a Compostela”, composta (letra e música) para este proxecto por Juan Álvarez, médico, ex-profesor da Harvard Medical School durante 15 anos e moi afeccionado á música; coa axuda de Carolina Rubirosa, colaboradora tamén de MSF e que pon voz á canción, coñecida por ser a primeira que cantou temas de The Beatles en galego en The Cavern (o santuario Beatle de Liverpool). Carolina interpreta a versión inglesa deste himno, destinada a espallar Santiago polo resto do mundo, e para a que se está a facer tamén un videoclip. A versión galega do himno, con letra da poetisa Eva Veiga e Nicolás Vidal, faina Rosa Cedrón. A produción musical é do compositor e músico coruñés Nani García.

 

O CD reúne ademais outras cancións vencelladas a Compostela e interpretadas por grupos e artistas como Milladoiro, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Nani García Trío, Jazzman (Quique Azambuya), Juan Álvarez, Pancho Álvarez e Linces Pop (o conxunto musical da adolescencia de Chema Ríos).