O Consorcio de Santiago participa no seminario internacional “Protección e xestión da paisaxe urbana histórica”, que se celebra en Cuenca organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, ao que pertence Santiago. O arquitecto da Oficina Técnica do órgano interadministrativo Xosé Allegue dará unha conferencia mañá mércores pola tarde sobre as políticas de rehabilitación implementadas na cidade histórica compostelá nos últimos vinte anos.
Allegue explicará que foi un período “moi frutífero, a teor das múltiples intervencións acometidas e o destacado grao de participación social no desenvolvemento dos plans e actuacións concretas, tanto no parque residencial e comercial como no monumental”. Por exemplo, fixéronse 1.600 actuacións en vivendas, que equivale á cuarta parte do total, cunha subvención media de 8.300 euros; e 450 en locais comerciais, tamén unha cuarta parte do total, cunha axuda media de 6.000 euros; mentres que en canto a intervencións de restauración e rehabilitación en edificios monumentais, que teñen o nivel máis elevado de protección, se chegou a 41, case as tres cuartas partes.
En referencia a espazos públicos, nestes vinte anos, os balances indican once intervencións de reurbanización completa do viario histórico por valor de 12,3 millóns de euros, que afectaron a máis de corenta mil metros cadrados. Por outra parte, o Consorcio axardinou preto de trescentos setenta mil metros cadrados de parques municipais, dos que douscentos trinta mil corresponden á zona vella.
O arquitecto do Consorcio finalizará o seu relatorio, titulado “A cidade na cidade”, falando das propostas para o futuro: o plan de xestión da cidade histórica, a eficiencia enerxética e o reto das infraestruturas, entre outras.