O Consorcio intervirá na igrexa de San Pedro de Busto

luns, 17 Abril, 2017

No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, vaise intervir na igrexa de San Pedro de Busto, do século XII, situada na parroquia de Busto. O organismo interadministrativo acaba de sacar a obra a concurso, por un orzamento global de 35.385,46 euros. As empresas interesadas deberán presentar as súas propostas ata o vindeiro 22 de maio.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Xosé Allegue, explica que “realizaranse as obras necesarias para lograr a mellor conservación do inmoble, que, ao carecer de canlóns nalgunhas das súas fachadas, presenta problemas derivados da acción das escorrentías da cuberta así como da salpicadura da auga dos aleiros contra a fachada”.

 

Así, sanearanse as fachadas e a torre do campanario. Limparanse as revocaduras en mal estado e repintaranse con pintura de silicato. Tamén se limpará a pedra. E, co fin de evitar que se reproduza o problema das escorrentías da cuberta sobre os novos paramentos, instalarase un canlón e baixantes de cobre, que conduzan directamente a auga da cuberta á rede de drenaxe existente, procurando afectar o menos posible á imaxe das fachadas.

 

A intervención no tellado e na casa reitoral

 

Resulta prioritario substituír as tellas da cuberta, xa que, ao estaren simplemente apoiadas sobre os cangos, levántanse cada vez que hai temporal, provocando a entrada de auga ás bóvedas e ás revocaduras da nave, e poñendo en perigo a imaxinería e os retablos do templo. “O retellado farase con ganchos longos que permitan un maior solapamento da tella, polo que haberá que aportar tella vella idéntica á existente para compensar a superficie total. Isto dificultará a entrada de filtracións de pluviais” -sinala o arquitecto-.

 

Por outro lado, o lucernario de carpinteiría de aluminio de acceso á cuberta non permite a ventilación e xera problemas de condensación cara ao interior, polo que se substituirá. E no edificio da casa reitoral a fábrica de pedra da esquina sueste está desmontada por efecto do vandalismo, de xeito que se reconstruirá para recuperar o seu estado orixinal.