O arquitecto Carlos Martí Arís faleceu o pasado 1 de maio por coronavirus. O Consorcio de Santiago lamenta a súa perda e lembra a colaboración que o recoñecido profesional mantivo co organismo no ano 1995, data da publicación do libro Santiago de Compostela: la ciudad histórica como presente, do que foi coordinador.
Esta publicación, editada en castelán e inglés, con introdución do arquitecto e exalcalde de Santiago de Compostela Xerardo Estévez, é unha magnífica obra de máis de 300 páxinas. A través de estudos realizados por prestixiosos arquitectos e urbanistas, analízase a estrutura física da cidade histórica compostelá, contemplándoa como artefacto, como arquitectura. Establécese unha relación activa cos monumentos e os lugares do pasado; unha relación que, máis aló da simple admiración contemplativa, permítenos recoñecer os valores da historia e apreciar a súa vixencia no presente.
A primeira parte deste volume está formada por cinco traballos de investigación sobre o casco histórico da cidade de Santiago, onde se fai unha valoración da arquitectura e do urbanismo desde a Idade Media ata os nosos días. Un destes autores foi Carlos Martí Arís, quen abordou La ciudad histórica como presente. Na segunda parte do volume recóllense diversas intervencións realizadas na cidade histórica.
Ante esta noticia, o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde, manifesta: “Teño un grato recordo del. Mantivemos unha estreita colaboración no proceso de preparación do libro. Era un gran profesional que demostrou un profundo coñecemento da historia do urbanismo de Santiago, aínda sendo de Barcelona. Sinto de verdade a súa perda. Era unha gran persoa”.
Unha notable e comprometida traxectoria profesional
O arquitecto faleceu na súa cidade natal, Barcelona, aos 71 anos de idade. Ademais do campo da construción, gozou dunha ampla traxectoria profesional como docente; foi profesor de proxectos da Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona (que o recoñeceu como magister honoris causa) e tamén no Politécnico de Milán. No eido da teoría, publicou e editou unha longa lista de libros. Como arquitecto comprometido co seu contorno e cos cidadáns, asinou, xunto ao seu socio, Antonio Armesto, varios barrios de vivendas sociais e parques en Cataluña.
Era un firme defensor da “cidade para os cidadáns”, lema da revista 2C Construcción de la ciudad, que codirixiu durante 13 anos. Destacou tamén pola súa entrega cara ao colectivo; nesta liña, destaca a súa colaboración no deseño e construción de máis de 30 vivendas en Alxeria en 1975.