O Consorcio mostra en Venecia fórmulas para a xestión eficiente das cidades Patrimonio

domingo, 13 Decembro, 2015

A UNESCO convidou ao Consorcio de Santiago a participar na “UNESCO Winter School: Sustainable Energy Governance in UNESCO World Heritage Sites”, que se desenvolverá en Venecia entre o 13 e o 19 de decembro. A esta reunión están convocados os principais xestores de diferentes cidades Patrimonio da Humanidade do sueste de Europa, ademais de expertos e profesionais da xestión enerxética das arquitecturas históricas. 

 

As diversas iniciativas e programas que promoveu o Consorcio en Santiago de Compostela desde a súa creación é unha das experiencias de referencia que abordará a Escola de Inverno da UNESCO coa finalidade de analizar liñas para mellorar a xestión enerxeticamente eficiente dos centros históricos europeos que son Patrimonio da Humanidade.

 

A Escola de Inverno da UNESCO presentará, entre outras materias, un avance dos resultados do Programa EFFESUS, acrónimo en inglés de “Eficiencia enerxética para a sustentabilidade dos centros históricos europeos”, un programa de investigación da Unión Europea que se enmarca no Sétimo Programa Marco de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, no que está integrado o Consorcio de Santiago desde o ano 2012 e que finaliza o próximo ano. O seu obxectivo é desenvolver solucións para mellorar a eficiencia enerxética en edificios e conxuntos históricos de Europa compatibles coa preservación e posta en valor do patrimonio cultural que representan.

 

O Consorcio de Santiago é un dos 23 socios do programa EFFESUS, xunto con diversas institucións, universidades e empresas de toda Europa. Entre eles destaca o prestixioso centro de investigación alemán Fraunhofer, o máis grande de Europa; ou Tecnalia, o maior grupo privado de I+D+i de España, que actúa como coordinador do grupo. 

 

A experiencia de Santiago

 

O Consorcio de Santiago foi convidado en función da súa contrastada experiencia nos procesos de recuperación física e cultural da cidade histórica de Santiago, Patrimonio UNESCO da Humanidade desde 1985. Ademais dos múltiples e innovadores programas de rehabilitación de edificios, vivendas, monumentos e espazos públicos que promoveu o Consorcio de Santiago desde 1994, interesan as iniciativas do organismo vinculadas cunha reflexión integral da cidade, como o “Sistema de Información Xeoreferrenciada (SIP)”, o “Plan Director de Infraestruturas Urbanas e xestión Enerxética da Cidade Histórica de Santiago”, a “Definición dunha Estratexia de Verde Urbano para Compostela” ou “Enerxía e medioambiente para a habitabilidade en Santiago de Compostela”; traballos de aproximación á rehabilitación urbana nos que o Consorcio de Santiago foi pioneiro. 

 

Ademais das iniciativas do Consorcio desde a súa creación, abordarase o traballo desenvolto desde o ano 2012 no Programa EFFESUS, un importante proxecto de investigación da Unión Europea sobre cidade, rehabilitación e enerxía, no que a cidade histórica de Santiago é un dos 7 casos de estudo en Europa.

 

Unha nova ferramenta de avaliación enerxética

 

Na “UNESCO Winter School: Sustainable Energy Governance in UNESCO World Heritage Sites” probarase o “Sistema Soporte de Decisións (DSS)”. Trátase dunha innovadora ferramenta informática para a avaliación enerxética de intervencións de renovación urbana e rehabilitación de edificios que está a desenvolver o Programa EFFESUS. O Sistema de Información Xeorreferenciada de Santiago de Compostela (SIP), desenvolto polo Consorcio, permitiu que a cidade sexa o modelo de traballo elixido para o deseño e construción deste sistema. 

 

O DSS, dirixido con diversa accesibilidade a técnicos, funcionarios, xestores urbanos ou cidadáns, está concibido para axudar a priorizar e compatibilizar rehabilitacións enerxeticamente eficientes e absolutamente respectuosas co valor patrimonial dos edificios e distritos sobre os que se actúa. En representación do Consorcio de Santiago, o arquitecto Ángel Panero, responsable científico e técnico do proxecto no Consorcio, desprazarase a Venecia para participar nas reunións.