O Consorcio promove un concurso de postais da cidade dirixido a alumnos de Primaria

luns, 9 Novembro, 2020

A cidade de Santiago conmemora este ano o 35º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco, que se cumpre o vindeiro 4 de decembro. Para celebrar esta efeméride, o Consorcio de Santiago está a promover unha serie de actividades, tamén para os máis novos. Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo “AtlaS-WH”, do que forma parte o Consorcio -xunto ás cidades históricas de Burdeos, Edimburgo, Florencia e Porto-, centrado na xestión sostible das Cidades Patrimonio da Humanidade incluídas na Área Atlántica.

 

Concurso de postais

 

Baixo o título Who cares? (Quen o cuida?) o Consorcio de Santiago quere convidar aos escolares á reflexión. A nosa é “unha cidade de postal”, unha cidade fermosa e moi visitada, que non obstante se enfronta a importantes retos desde o punto de vista do seu desfrute e mantemento de cara ás futuras xeracións. Nesta liña, anímase aos rapaces a deixar a un lado a visión máis tradicional para afrontar tamén outros aspectos menos positivos que implica ser unha cidade de tal recoñecemento patrimonial como a presenza de moitos turistas, proliferación dos aloxamentos turísticos, incremento do tráfico...

 

O concurso está orientado ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria de todos os centros escolares situados no Concello de Santiago de Compostela. Na aula trataranse dous aspectos clave, o noso patrimonio entendido nun senso global e a sustentabilidade desde o punto de vista do seu coidado e respecto.

 

A postal constará de dúas partes: por un lado, un traballo creativo, un debuxo feito trala reflexión común na aula; e, por outro, un pequeno texto centrado nas vivenzas e pensamentos de cada alumno no relativo ao Patrimonio da Humanidade de Santiago. Así, búscase coñecer cal é a visión dos escolares sobre o patrimonio compostelán, ademais do que para eles e elas é o máis importante na nosa cidade.

 

Cada alumno realizará a súa postal e o conxunto da clase escollerá só unha para participar no concurso. A recepción de postais poderá facerse ben por correo electrónico ao enderezo 35aniversario@consorciodesantiago.org ou por correo postal á sede do Consorcio (Pazo de Vaamonde, Rúa do Vilar 59. 15705 Santiago de Compostela).

 

Haberá un premio para cada unha das categorías: 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria. A contía dos premios será dun vale de 30 € para empregar na Libraría Couceiro e un lote de libros do Consorcio de Santiago para os centros das postais gañadoras. Ademais, cada participante recibirá o “Carné de Protectores do Patrimonio”.

 

O xurado está formado por tres persoas ben coñecedoras do Patrimonio compostelán: Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago; Eduardo Valiña, conservador xefe da Fundación-Museo Eugenio Granell; e Idoia Camiruaga, arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago.

 

O prazo de recepción das postais permanecerá aberto ata o 20 de novembro. A entrega dos premios terá lugar o 4 de decembro, coincidindo co acto de conmemoración do 35º aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade.

 

Charlas sobre o patrimonio nos institutos da cidade

 

Ademais, estanse a realizar unha serie de charlas en institutos da cidade, en particular para alumnado de 3º da ESO, co fin de que coñezan e aprecien o valor do patrimonio. A encargada de impartila é Tania Chapela, a coordinadora didáctica deste proxecto. Explicaralles aos rapaces as claves e os valores que fixeron que a Unesco situara á cidade compostelá na máis alta posición en relación á protección do Patrimonio Mundial.