O Consorcio protexe as aves e quirópteros que habitan no tellado da igrexa de Marrozos

luns, 15 Xullo, 2019

O Consorcio de Santiago está a intervir na igrexa de Santa María de Marrozos, situada na parroquia homónima. As obras, que se centran nas cubertas e nas fachadas do inmoble, tiveron que pararse durante dúas semanas debido á presenza de especies protexidas que aniñan no seu tellado, co propósito de non afectar o seu ciclo natural.

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Idoia Camiruaga. Explica que “paramos as obras para consentir a cría de cirrios, gorrións, morcegos e rabirrubios e imos realizar a obra de xeito que poidan volver aniñar en anos vindeiros. Tamén temos intención de modificar o aleiro para ver se aniñan máis cirrios”. Ademais, salienta que “cómpre ter en conta que o Consorcio de Santiago inclúe na consideración de patrimonio ao territorio compostelán. A rede territorial é a base da evolución, do valor e actual vitalidade da Cidade Histórica”.

 

Unha vez detectadas estas especies protexidas de aves e quirópteros, o Consorcio solicitoulle a SEO/BirdLife a realización dun informe sobre a incidencia das obras nas mesmas, xunto a unha proposta de actuación para protexelas. Desde esta organización sinalan que “nos nosos monumentos e cascos históricos albergan importantes comunidades de aves beneficiosas e protexidas pola lexislación. Elixen preferentemente as construcións máis antigas, xa que nelas encontran máis ocos ou saíntes para instalar os seus niños ou refuxios. Temos a obriga de protexer tamén estes ecosistemas”.

 

Na igrexa detectouse a presenza de cirrios, rabirrubios e morcegos

 

Dende SEO/BirdLife destacan que “unha elevada diversidade de animais nun territorio está en correlación cun ambiente san e sustentable”. No caso da igrexa de Marrozos detectouse a presenza de cirrio común, rabirrubio, morcego de ferradura pequeno e morcego anano; todos eles incluídos na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. No caso dos morcegos, indican que “un só morcego pode comer máis de 3.000 insectos ao ano, unha colonia de cincuenta morcegos pode devorar nun verán uns 15 kg de insectos”.

 

“As restauracións non coidadosas que tapan os ocos dos niños e as técnicas de cerramento actuais dos edificios, que pechan todas as oquedades, diminuíron os lugares útiles para a nidificación. As obras pódense planificar de xeito que se respecte o ciclo vital dos animais, habilitando ocos que permitan a nidificación ou instalando caixas niño que compensen as perdas de niños existentes” -indican dende SEO/BirdLife-.