O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva, mo marco da cal presentouse á súa nova interventora, Consuelo Lage Ferrón, interventora territorial do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas da Coruña, en substitución de Emilio Vázquez Salgado por xubilación.
Entre os temas abordados, aprobouse un convenio coa Universidade de Santiago para a redacción do Plan Director do edificio da Facultade de Xeografía e Historia. O inmoble, que deu acubillo á USC dende o ano 1767, está catalogado polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago como de “nivel 1”, co que se recoñece a excepcional calidade arquitectónica e valor histórico do conxunto.
O Consorcio de Santiago recolle no seu plan de actuacións 2015-2025 a intención de redactar os plans directores de restauración dos edificios monumentais de maior entidade do casco histórico, entre os que se atopa a Facultade de Xeografía e Historia.
Historiadores, arqueólogos, restauradores, enxeñeiros e documentalistas da USC e arquitectos do Consorcio traballarán xuntos neste plan, que establecerá as pautas da restauración en función dun estudo previo exhaustivo do edificio. Fixará o programa de uso e condicións de adecuación e preverá as actuacións de rehabilitación, reestruturación parcial e valoración arquitectónica compatibles coa protección do inmoble, incluíndo un estudo para a mellora da eficiencia enerxética do edificio.
O Consorcio contribuirá á conservación da valiosa biblioteca do Instituto Xelmírez I
No transcurso da Comisión deuse conta tamén dun convenio co IES Arcebispo Xelmírez I para levar a cabo unha limpeza exhaustiva e acondicionamento da biblioteca histórica do centro, para posteriormente intervir nos documentos e restauralos. Moitas das obras presentan un avanzado grao de deterioración que fai aconsellable e imprescindible a súa intervención inmediata. O proceso de recuperación comezará cun fotografado dixital das pezas. Logo limparanse e desinfectaranse os libros e as estanterías. Os documentos protexeranse debidamente para evitar que se degraden ao manipulalos. O Consorcio de Santiago subvencionará a actuación cun importe de 22.000 euros.