O Consorcio de Santiago adxudicou a obra de mantemento da ermida de Nosa Señora das Angustias, en Agualada de Marantes, por un importe global de 29.645 euros. A empresa beneficiaria é Sergiu Alexandru Tatarcán. Prevese un período de execución de tres meses.
O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Pablo Tomé. Explica que “a intervención encamíñase á realización das tarefas de renovación da pintura e limpeza da pedra das fachadas, á renovación do tellado da sancristía e ao drenaxe da cara exterior dos muros que conforman a igrexa”.
Esta pequena capela románica sitúase no Camiño de Santiago que viña de Ferrol, Vilalba e Betanzos e entraba en Compostela polo norte. Era o lugar onde se lavaban os peregrinos, purificándose antes de chegar á cidade. Xa existe dende o século XII, data á que pertence parte do presbiterio. No século XVI, ao demoler o claustro románico da Catedral para construir o actual, un dos arcos levouse a esta capela e consérvase facendo de arco de triunfo da mesma -é un arco románico tallado pola escola do Mestre Mateo-.
A igrexa, reedificada no século XVI, está dentro dun recinto murado co adro. Algunhas partes da capela foron construídas entre os séculos XVI e XVIII. Resaltan os leóns que flanquean a entrada e que lembran aos do Pórtico da Gloria da Catedral. E no interior do inmoble destaca o seu retablo.
As intervencións propostas
A capela mantense, en xeral, en bo estado excepto a fachada exterior, que ten a pintura e a pedra superficialmente deterioradas. O balado que rodea o adro encóntrase en mal estado, coa pedra invadida pola vexetación. No interior, a ábsida ten as partes baixas polo interior con manchas de humidade que afectan de forma importante ao retablo; a escaleira do coro, estreita e con moita pendente, non ten pasamáns, o que fai perigoso o seu uso; e o falso teito da sancristía, de madeira, ten manchas de humidade debido a problemas no tellado.
O arquitecto do Consorcio sinala que, entre as intervencións previstas, están a limpeza e pintado das catro fachadas e da espadana. Instalarase un pasamáns de subida ao coro. Renovarase o tellado da capela, coa instalación dunha cambota de luz para poñer en valor a pilastra medieval da cabeceira da igrexa, na actualidade oculta polo falso teito. Formarase unha gabia de drenaxe ao redor da igrexa para resolver o problema da humidade da ábsida e do retablo. E, finalmente, levarase a cabo a limpeza e restauración do balado do adro.