O director galego Diego García dirixe a RFG no tradicional concerto da noite de Reis

martes, 31 Decembro, 2013

A RFG celebra, como cada ano por estas datas, o tradicional concerto da noite de Reis. Nesta ocasión levará a batuta o director galego Diego García Rodríguez. Pola súa parte, o actor Xosé Esperante encargarase de interpretar algunha das obras. A cita terá lugar o vindeiro domingo, día 5, ás 22:00 horas no Auditorio de Galicia.

 

O concerto arrancará coa obra Sarabande, do compositor francés Claude Debussy (1862-1918), unha figura central na música europea de finais do século XIX e comezos do XX, cuxas innovacións harmónicas abriron o camiño ás novas tendencias musicais. Sarabande é unha peza para piano orquestrada polo seu amigo e tamén compositor francés Maurice Ravel, que fai referencia a unha danza lenta e expresiva orixinaria da América hispana.

 

A continuación a orquestra interpretará O boi sobre o tellado, do compositor francés Darius Milhaud (1892-1974), unha obra para orquestra sinfónica, desenfadada, cargada de ritmo e sorpresas para o público. Recolle ritmos e melodías de moitas partes do continente americano como o tango ou o jazz, pero sobre todo de Brasil. Foi creada para ser a banda sonora dunha película muda que nunca viu a luz, polo que o compositor aproveitou a música para facer un ballet surrealista. O boi sobre o tellado era o nome dun bar da época en París onde se reunían artistas de toda índole.

 

Cinco pezas de Eric Satie

 

A segunda parte do concerto centrarase en varias obras do compositor e pianista francés Eric Satie (1866-1925), considerado unha das figuras máis influíntes na historia da música. Trátase dunha selección de cinco pezas: Le Piccadilly, Gnossienne nº 4, La Diva de l´Empire, Sports et Divertissements e La Belle excentrique. A música complementarase neste caso con textos intercalados escritos polo propio Satie, para o que se contará coa participación do actor galego Xosé Esperante.