O Museo das Peregrinacións acolle a exposición “Os milagres do Apóstolo Santiago”

O Museo das Peregrinacións acolle a exposición “Os milagres do Apóstolo Santiago”
venres, 22 Novembro, 2013

A exposición “Os milagres do Apóstolo Santiago”, organizada polo Consorcio de Santiago, inclúe vinte e dúas pinturas do artista coruñés Antón García Patiño (1932-2010), unha talla en madeira policromada de Santiago Peregrino do século XVI, o cortavento da Porta Santa, obra de Francisco Leiro en 1993, e unha edición facsímile do Códice Calixtino.

 

A serie pictórica de García Patiño, que pertence ao fondo artístico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, detalla os milagres do Apóstol Santiago o Maior, tal como recolle o Libro II do Códice Calixtino, que na Idade Media serviron para difundir e aumentar a fama internacional do culto xacobeo, constituíndo unha importante manifestación da relixiosidade popular e do éxito do Camiño de Santiago. A última vez que estes cadros se exhibiron en público foi nunha mostra que se celebrou en Bruxelas en 2011.

 

Ao Xacobeo tamén pertence unha edición facsímile do Códice Calixtino que se poderá contemplar igualmente, mentres que o Museo da Catedral aporta o cortavento da Porta Santa do escultor Francisco Leiro (Cambados, 1957), unha peza de madeira que representa a traslación en barca do corpo do Apóstolo Santiago ao finisterre galego polos seus discípulos Atanasio e Teodoro, e unha talla de Santiago Peregrino que pertence á escola hispano-flamenca.

 

Antón García Patiño

 

Antón García Patiño foi un prolífico escultor e pintor cuxa obra figura en coleccións privadas de moitos países, así como nos fondos de Novagalicia Banco, Deputación da Coruña, Parlamento de Galicia, Xunta de Galicia e mesmo no Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona. “A través de sus ojos uno podía comprender que en una vida caben otras mil”, escribiu en ABC Juan Granados ao dedicarlle ao artista coruñés un obituario na cabeceira madrileña.

 

Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede de Praterías)

Martes a sábado: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas

Domingos: de 11 a 14 horas  /  Luns: pechado