O Museo das Peregrinacións acolle a mostra “Ayer y hoy de los caminos a Santiago por Castilla y León”

martes, 10 Xuño, 2014

O Museo das Peregrinacións e de Santiago, na Praza das Praterías, acolle a exposición “Ayer y hoy de los caminos a Santiago por Castilla y León. El Camino Francés”. É unha iniciativa promovida pola Xunta de Castela e León e impulsada pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo.

 

Esta exposición itinerante reúne 58 imaxes antigas en branco e negro de diversos lugares do Camiño Francés ao seu paso polas provincias de Burgos, Palencia e León. As fotografías forman parte dos fondos da Filmoteca de Castela e León e pertencen a diferentes autores. A estas instantáneas antigas contrapóñense outras tantas actuais, realizadas en cor polo fotógrafo valisoletano José Luis Santos Cid, que buscou a perspectiva e o encadre máis semellantes aos das orixinais. Móstrase así a evolución do Camiño ao seu paso pola comunidade leonesa nos últimos 40 anos.

 

A mostra ten un carácter basicamente evocador. Permite comprobar a evolución experimentada por determinadas paisaxes, edificios e recunchos urbanos; ademais de gozar da beleza das imaxes que os reflicten. “Esta dobre visión do onte e do hoxe deses espazos casteláns e leoneses contén elementos que espertarán sen dúbida a curiosidade e o interese de todos aqueles que se animen a contemplala” -aseguran os organizadores desta proposta-.

 

A exposición poderá visitarse ata o 4 de xullo; de martes a sábado, polas mañás de 10.00 a 14.00 horas e polas tardes de 17.00 a 21.00 horas. Os domingos e festivos o Museo das Peregrinacións e de Santiago abre de 11.00 a 14.00 horas e os luns permanece pechado.