O Museo das Peregrinacións acolle unha exposición fotográfica sobre os Camiños de Santiago e de Kumano

O Museo das Peregrinacións acolle unha exposición fotográfica sobre os Camiños de Santiago e de Kumano
mércores, 30 Outubro, 2013

A exposición fotográfica “Santiago-Kumano, rutas de peregrinación Patrimonio da Humanidade” pode visitarse dende o 30 de outubro no Museo das Peregrinacións. O alcalde de Santiago, Ángel Currás, a concelleira de Turismo, Reyes Leis, e a xerente do Consorcio, María Antón, asistiron ao acto de inauguración. Esta acción enmárcase na celebración do Ano Dual España-Xapón 2013-2014.

As 44 fotografías, que estarán expostas ata o 11 de abril, forman parte dos arquivos de Turismo de Santiago e do Tanabe City Kumano Tourism Bureau. A mostra, producida pola Oficina Municipal de Turismo, conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Consorcio de Santiago e a Casa Galicia Xapón.


O percorrido pola mostra permite comprobar como forxaron a súa identidade os dous Camiños, declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Na época en que comezaron a percorrerse as dúas rutas, Xapón era "o país por onde saía o sol" e Galicia "a terra do cabo do mundo", onde se poñía o astro. E, malia estar tan afastados xeograficamente, os dous antigos Camiños compartían moitos elementos comúns nas tradicións, a espiritualidade, o sincretismo, a paisaxe e incluso a gastronomía.