O programa de axudas para a rehabilitación na cidade histórica TerÉManter acometerá 63 proxectos

xoves, 4 Xullo, 2024

A oficina técnica do Consorcio subvencionará 63 proxectos presentados ao programa de axudas destinadas ao mantemento de carpinterías de madeira e de envolvente exterior dos edificios do ámbito da cidade histórica, que leva por nome 'TerÉManter'.

 

Nas últimas semanas, os técnicos da entidade interadministrativa elaboraron as documentacións técnicas solicitadas e analizaron os proxectos presentados polos solicitantes. Unha vez revisados, comprobouse que das 74 solicitudes de axudas do programa, os 63 que son subvencionables non acadaron o tope de 800.000 euros presupostados para esta convocatoria, polo que todas as propostas serán atendidas.

 

Nos vindeiros días enviaranse as propostas de resolución de concesión de axudas. Asemade, cómpre salientar o bo ritmo de execución das obras de rehabilitación que se desenvolven ao abeiro da convocatoria 2023 deste mesmo programa.

 

Programa TerÉManter

Este programa busca beneficiar tanto a propietarios, arrendatarios ou a titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble así como comunidades de propietarios.

 

Para poder participar, os requisitos son estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica así coma que o seu uso sexa o de vivenda principal, ter unha antigüidade superior aos dez anos e ter condicións suficientes de seguridade estrutural e estanqueidade fronte a chuvia.

 

Na convocatoria faise fincapé especial nas actuacións de consolidación, reposición e mellora das estruturas tradicionais de madeira, incentivando a introdución de novos produtos innovadores derivados da madeira.