A EAEM ofrece catro prazas para alumnos externos ao centro que desexen asistir ás clases maxistrais do recoñecido violista alemán Jürgen Kussmaul. As sesións celebraranse o luns 17 de febreiro, de 16:00 a 19:00 horas, e o martes 18, de 13:00 a 14:00 horas. Os músicos interesados en participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-.
Jürgen Kussmaul está recoñecido como unha das figuras máis interesantes do panorama musical actual pola súa intensa actividade como solista, músico de cámara, docente e mesmo director de orquestra. Comezou os seus estudos musicais cando só tiña catro anos de idade, baixo a tutela do seu pai, que fora viola solista da Orquestra do Teatro Nacional de Mannheim (Alemaña), a súa cidade natal.
Tras rematar o seus estudos na Escola Superior de Música da súa cidade, pasou a ocupar o posto de viola solista na Ópera de Heidelberg e foi galardoado en varios concursos internacionais. Os seus innumerables compromisos como instrumentista, así como a súa crecente actividade pedagóxica, animárono a deixar o traballo orquestral para dedicarse á ensinanza. É catedrático de viola e de música de cámara no Instituto Robert Schumann de Düsseldorf (Alemaña) e no Real Conservatorio da Haya (Holanda).
Como docente, é requirido internacionalmente en escolas especializadas e en festivais de música de cámara para impartir clases maxistrais. A súa discografía inclúe máis de cen elepés e preto de corenta cedés.