Obras na igrexa de San Miguel dos Agros

sábado, 5 Abril, 2014

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso público a realización de obras na igrexa de San Miguel dos Agros, situada na praza de San Miguel. A intervención centrarase na reparación da cuberta e na limpeza das fachadas laterais. Cun orzamento global de 71.966,10 euros, está previsto que os traballos se prolonguen durante dous meses.

 

Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable do proxecto, Ramón Fernández Hermida, “en xeral, o estado da pedra das fachadas é bo. Non obstante, hai zonas invadidas pola vexetación e áreas colonizadas por mofos e liques”. Sinala que “as fachadas enfoscadas encóntranse fisuradas e con desprendementos, así como grandes zonas de humidades producidas por unha mala evacuación das augas de pluviais, que xeran a aparición de fungos e liques”.

 

Tamén hai zonas con humidade no baixo cuberta e no interior do templo. “Estas humidades xeran desprendementos na pintura así como a aparición de fungos. Estas patoloxías son provocadas polas filtracións da auga de choiva que entra polos encontros da cuberta coa fachada lateral” -indica Ramón Fernández-. O arquitecto salienta que, de modo xeneralizado, a cuberta, presenta moitos puntos con desprendemento e rotura das tellas cerámicas, así como a aparición de fungos e plantas.

 

 

Actuacións propostas

 

Ante a situación da igrexa, dende a Oficina Técnica do Consorcio proponse a eliminación da vexetación da cuberta, así como a retirada de toda a tella cerámica e a súa substitución por outra nova. Os encontros das cubertas cos muros da igrexa resolveranse mediante unha lámina de chumbo.

 

Por outro lado, levantaranse as baixantes e cazoletas exteriores situadas na Ruela de Xerusalén e no Recanto de San Miguel, e colocaranse unhas novas con dimensións suficientes para que poidan evacuar a auga de choiva e non rebosar.

 

Co fin de evitar humidades nos muros, proponse a limpeza dos canlóns existentes, así como a colocación de canlóns novos onde sexa necesario. E nas fachadas proponse o picado dos enfoscados desprendidos ou gretados, un novo enfoscado con morteiro de cal en tres capas e, finalmente, o seu pintado con pintura de silicato.