A RFG celebra esta semana dous concertos. O primeiro, o mércores, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia de Vigo. E o xoves en Santiago, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. Nas dúas citas a orquestra estará dirixida polo mestre alemán Günther Herbig.
O concerto arrancará con Euryanthe (Obertura), do compositor alemán Carl Maria von Weber (1786-1826). Trátase dunha ópera romántica baseada nun antigo conto francés, cuxo argumento transcorre nun ambiente medieval e cabaleresco. Para abrir este drama ao redor da honesta e pura Euryanthe de Saboya, o compositor escribiu unha páxina que mostra ese clima nobre dentro do cal late un sentido romántico da natureza e das paixóns.
A continuación, a Real Filharmonía interpretará a Sinfonía nº 93 do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809). A maioría dos oíntes resaltan o segundo movemento desta obra, en cuxo final a música vai apagándose, ao son de suaves toques de timbal e, de maneira inesperada, un fagot irrompe inesperadamente, recreando o efecto dunha ventosidade. Este detalle mostra o sentido do humor de Haydn, neste caso menos refinado que noutras ocasións. Sempre se ten dito que se esta sinfonía non ten sobrenome é por cuestión de decoro. De feito, moitos directores, por temor a ser tildados de groseiros, buscan minimizar nas salas de concertos o efecto do fagot. Pola súa parte, trompetas e timbais protagonizan un rico e enxeñoso final, propio dunha conclusión festiva.
O concerto rematará coa Sinfonía nº 3 “Renana” do compositor e crítico alemán Robert Schumann (1810-1856).