Presentación da nova temporada de abono da Real Filharmonía de Galicia

mércores, 9 Xullo, 2014

AReal Filharmonía de Galicia presentou esta mañá a súa nova temporada de abono 2014-2015. Asistiron ao acto o alcalde de Santiago, Ángel Currás; o director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel; o seu director técnico, Oriol Roch; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou

 

O alcalde de Santiago salientou os 25 anos que cumpre o Auditorio de Galicia “como referente na vida cultural da cidade” e indicou que esta nova programación está “especialmente deseñada para o público, con compositores sinalados, castigados, aclamados, barrocos, románticos, contemporáneos… e as súas obras malditas, eloxiadas, ocultas pero sempre en mans das mellores batutas e os mellores intérpretes, algúns coñecidos do público como Edmon Colomer, Manuel Hernández Silva ou Antoni Ros Marbà e outros que dirixirán a orquestra por primeira vez como Lorenzo Viotti, Sergio Alapont ou Jaime Martín”.

 

Repecto aos solistas convidados, destacan figuras consagradas da música como as sopranos Jane Irwin, Heidi Melton e Lola Casariego; a mezzosoprano Anne Marie Owens; o tenor Christian Voigt; ou o violinista Amaury Coeytaux. Tamén se contará con artistas xoves pero que xa brillan no panorama musical como a pianista Anna Vinnitskaya, a violinista Alina Pogostkina, o oboísta Lucas Macías ou o violoncellista Pablo Ferrández.

 

Do repertorio clásico á creación contemporánea, con varias estreas 

 

A nova programación incide nos extremos entre os que se debate a Real Filharmonía dende a súa creación. Nesta liña, recurrirase ao repertorio musical clásico, no que a orquestra está especializada, coa interpretación de obras de Haydn, Mozart, Beethoven, Haendel e Bach. Ofreceranse obras de gran repertorio, moitas delas por primeira vez, que levarán ao público do nacionalismo finlandés de Sibelius, pasando polo romanticismo de Bruckner ou Chopin ata chegar a Wagner. Ao longo da temporada interpretaranse autores de diferentes xéneros e épocas como Mendelssohn, Schumann, Schubert, Saint-Saëns, Tchaikovsky, Bartok ou Hindemith, entre outros moitos. 

 

Por outro lado, a orquestra mantén a súa aposta, dando voz á creación contemporánea. Así, ademais de pezas de Witold Lutoslawski, Arnold Schönberg, Michael Tippett, Oliver Messiaen… para este novo ciclo de abono encargáronse obras ao compositor italiano Mauro Montalbetti e ao compostelán Fernando Buide del Real, que gañou o Premio de Composición da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas 2014.

 

Novos retos como a estrea en versión concerto dunha zarzuela ou a música de A quimera de ouro de Chaplin

 

A Real Filharmonía afronta novos retos esta temporada como a estrea en versión concerto de La flor del agua, unha zarzuela con música do compositor madrileño Conrado del Campo e texto do escritor pontevedrés Víctor Said Armesto. Tamén se interpretará a música que Charles Chaplin escribiu para a súa película A quimera do ouro, no marco da cooperación habitual co Festival Cineuropa. E contarase coa colaboración do jazzista galego Abe Rábade. No Nadal celebrarase o xa tradicional concerto participativo con coristas afeccionados, mentres que na noite de Reis renderase homenaxe ao compositor arxentino Astor Piazzolla. 

 

A orquestra participará en festivais e iniciativas como Peregrinos Musicais, as Xornadas de Música Contemporánea, o Festival Via Stellae ou o Festival de Músicas Contemplativas. Realizará ademais un total de 7 concertos didácticos dirixidos a escolares e 5 concertos familiares nas fins de semana.

 

Durante esta temporada continuarase coa experiencia CONvers@ndo con. Os directores e solistas que participan nos concertos manteñen unha charla distendida co público antes de cada actuación, coa finalidade achegar a música de maneira informal.

 

Xira polas cidades galegas e o territorio nacional

 

Unha edición máis, a Real Filharmonía de Galicia mantén unha temporada de concertos estable na cidade de Vigo, onde a orquestra estará presente cun total de 10 actuacións. E desprazarase ademais a outras cidades galegas como A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. 

 

Unha xira levará á orquestra en outubro a León, Pamplona, Santander e Burgos. En novembro actuará en Madrid e en marzo de 2015 participará, como xa vén sendo habitual, no Festival Musika-Músicade Bilbao.