O Museo das Peregrinacións e de Santiago, na Praza das Praterías, acolleu o acto de presentación da peregrinación de Santiago a Padrón. Esta iniciativa, que se celebrará o vindeiro 5 de xullo, está promovida polo Concello de Padrón e a Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón.
Á presentación asistiron o alcalde de Santiago, Ángel Currás; a xerente do Consorcio, María Antón; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; a concelleira de Cultura e Turismo de Padrón, Carmen Lois; o párroco da igrexa de Santiago de Padrón, Roberto Martínez; o investigador do Camiño de Santiago José Antonio de la Riera; o presidente da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón, Arturo Reboyras; xunto con representantes dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Rois e Teo.
Segundo manifestan os organizadores, “esta acción enmárcase dentro dun proxecto que ten como obxectivo reivindicar o recoñecemento oficial deste vello Camiño xacobeo que, ao longo da historia, fixeron innumerable peregrinos, tal como demostran os seus testemuños. Os camiñantes ían a Padrón ao escoitar que alí predicou o Apóstolo en vida e que no seu porto desembarcou anos despois o seu corpo procedente de Palestina”.
O Concello de Padrón e a Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón salientan que “esta cuestión non só beneficia a Padrón, senón tamén ao resto dos concellos por onde discorre a ruta xacobea, e moi especialmente a Santiago, pois moitos peregrinos pasarán, como mínimo, unha noite máis na cidade para poder achegarse a Padrón ao día seguinte”.