Preséntase en Pontevedra o libro de cartas inéditas de Carlos Maside

martes, 6 Outubro, 2015

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publicaron “Correspondencia (1928-1958). Cartas inéditas e dispersas. Carlos Maside”. Este martes, 6 de outubro, preséntase no Museo de Pontevedra, ás 20:00 horas.

 

Carlos Maside (Pontecesures 1897-Santiago 1958) mantivo, durante toda a súa vida, unha rica e continuada relación epistolar con boa parte da intelectualidade galega do seu tempo, a do exilio e tamén a do chamado “exilio interior”, como era o seu caso. O volume reúne 179 cartas do pintor, case todas inéditas, dende 1928 ata 1958. Están moi marcadas pola Guerra Civil e a longa ditadura posterior. “Iluminan un período de trinta anos de relación entre amigos e personalidades nacidas arredor de 1900. Na súa lectura quedan reflectidas non só situacións conxunturais moi relevantes, senón tamén a forma de afrontalas e a evolución persoal dos seus protagonistas a medida que cambian as condicións circundantes” -sinala Esther Rodríguez-. 

 

A súa derradeira carta, tres meses antes de falecer, foi para Luís Seoane

 

Estas páxinas contan a historia íntima dun tempo e dun país. Reúnen cartas a Luís Seoane, Castelao, Federico García Lorca, Bal y Gay, Otero Pedrayo, Isaac Díaz Pardo, Cunqueiro, Paz Andrade, Fernández del Riego, Laxeiro, Manuel María, Ánxel Fole… Recóllese a correspondencia de ida, e moitas veces tamén a de volta, entre a que destaca o fecundo e prolongado intercambio epistolar con Luís Seoane. A el dirixiu a súa derradeira misiva, o 16 de marzo de 1958, unha carta que lle reenvía a Bos Aires porque lle vira de volta ao escribir mal o número do domicilio. Nela dille: “debiera escribirte otra ahora pero mi estado no me lo permite”. Maside falecía en Santiago de Compostela tres meses despois, aos 61 anos de idade, polas complicacións dunha diabetes.

 

O volume complétase coa incorporación de fotografías, ilustracións e manuscritos que nunca antes viran a luz. Parte deste material inédito procede do arquivo dos herdeiros do autor. As cartas orixinais estaban manuscritas e nalgúns casos mecanografadas. 

 

As cartas divídense en dúas épocas: antes da Guerra Civil e durante o exilio

 

Tal como explica Esther Rodríguez, esta correspondencia abrangue dúas épocas. A primeira comprende dende 1928 a 1936. “Nas cartas deste período aprécianse elementos comúns significativos como a elección dun posicionamento vangardista-revolucionario e de cambio contra a Ditadura e a Monarquía, a defensa da maioría social, o achegamento á sociedade a través da arte, a participación en manifestacións ou o seu estreito contacto coa cultura europea e americana. Estes artistas e intelectuais da vangarda crían no poder da arte para transformar o mundo” -indica a catedrática-.

 

Entre 1936 e 1942 sobrevén a parálise epistolar. Non obstante, hai constancia de que a comunicación entre estes persoeiros continuou, aínda que por outras vías. Nesta edición están as cartas que flúen a partir de 1942 ata 1958. As misivas desta etapa responden á variada e versátil realidade que representa o exilio. Reflíctese como a nova situación coloca a moitos exiliados, tanto do exterior como do exilio interior, en posicións límite.

 

Nesta publicación engádense catro cartas cruzadas entre amigos do autor con motivo do seu pasamento, unha delas dirixida por Luís Seoane a Xulio Maside, sobriño e continuador da obra do pintor. “Tamén se reproducen outras catro cartas de Rafael Dieste a Xesús Bal y Gay, correspondentes ambos os dous de Maside, polo interese que sempre teñen os textos xerados pola contorna humana de quen foi renovador indiscutible da arte galega da primeira metade do século XX” -destaca Esther Rodríguez-.

 

Este traballo permite afondar nos comportamentos humanos en tempos de persecucións e incomprensións

 

O coordinador deste traballo, o catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío, pon de manifesto que “o que máis me impresionou na lectura destas cartas é a serenidade do propio Maside e a profundidade do seu pensamento, sobre todo cando se cruzan longas cartas Luís Seoane e máis el. Por outra parte, nótase que está moitas veces abrumado pola mala saúde que decote o debilitaba. Este traballo permite que todos saibamos, en especial a xuventude, algo máis sobre os comportamentos humanos en tempos de indixencias, persecucións e incomprensións”.