Preséntase o proxecto da obra de ampliación do Museo do Pobo Galego

luns, 17 Decembro, 2018

O proxecto da obra de ampliación do Museo do Pobo Galego, que dirixirá o Consorcio de  Santiago, presentouse esta mañá na Biblioteca Baltar do propio Museo. No acto, ao que asistiron membros do Consello de Administración do Consorcio, interviron representantes das tres Administracións consorciadas: Pilar Paneque, subsecretaria do Ministerio de Facenda; o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; xunto ao presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi. A encargada de presentar o proxecto foi a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Idoia Camiruaga, coautora do mesmo xunto ao tamén arquitecto do Consorcio Ramón Fernández Hermida, que serán os responsables da dirección das obras.

 

A ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval naceu como sede do Estudo Xeral da Provincia Dominica. Entre outros usos, foi ocupada polo Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes. Na actualidade é sede do Servizo de Arquitectura e Etnografía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Xunta de Galicia. Como resultado das obras propostas, o Museo do Pobo Galego vaise ampliar nunha superficie estimada de 1.600 m2, pois a ala sur rehabilitarase e adaptarase para acoller novos espazos relacionados coa actividade do Museo. O investimento global desta intervención, que se prolongará ata 2020 e será inaugurada no vindeiro Ano Santo de 2021, alcanza os 2,95 millóns de euros.

 

A planta baixa desta parte do conxunto vaise destinar a exposicións temporais. A primeira planta terá uso de oficinas, estudos e seminarios. A segunda planta acollerá parte da exposición permanente do museo e o baixo cuberta seguirá empregándose como almacén de pequenas pezas.

 

O presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, sinalou que “este é un proxecto que o Museo empezou a considerar hai doce anos pero estivo parado ata que, por fortuna, o retomou o Consorcio”. E afirmou que “o Museo non existiría sen o Concello de Santiago, que cedeu o edificio en 1976; a Xunta de Galicia, principal sostén económico do Museo; e o apoio da Administración Xeral do Estado a través do Consorcio da cidade”.

 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, vicepresidente segundo do Consello de Administración do Consorcio de Santiago, declarou que “o Museo do Pobo Galego relata a historia de Galicia ata os anos 70 e agora, grazas á ampliación, amosará tamén a Galicia máis contemporánea, a historia democrática e autonómica. Así, poderá ofrecer un cadro completo de Galicia, un atractivo máis para a cidade e para o conxunto da comunidade dende o punto de vista turístico, histórico e cultural”.

 

Pola súa parte, Pilar Paneque, subsecretaria do Ministerio de Facenda e vicepresidenta primeira do Consello de Administración do Consorcio, puxo de relevo que “para el Gobierno de España resulta extraordinario participar en un proyecto como éste, que maravilla por su envergadura y por su valor patrimonial”. E salientou o valor de que “varias Administraciones nos pongamos de acuerdo apostando por el Consorcio de Santiago, que nos permite vehiculizar ayudas al conjunto de la ciudad”. Nesta liña, apuntou que “el apoyo del Gobierno a la ciudad de Santiago a través del Consorcio seguirá siendo firme”.

 

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, sinalou que “se conseguiu dar viabilidade a unha actuación que levaba anos parada, unha proba de que a cooperación institucional dá os seus froitos”. E referiuse ao Consorcio de Santiago como “lugar de encontro e ferramenta de capitalidade, que actúa como motor da cidade a través da conservación do patrimonio”.

 

As intervencións que se van realizar no edificio

 

A arquitecta Idoia Camiruaga indicou que nesta intervención, a máis importante que vai acometer o Consorcio nos vindeiros anos, vanse seguir as directrices do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval, desenvolto polo Consorcio de Santiago como promotor, e cuxos autores son os arquitectos Celestino García Braña e Xerardo Estévez.

 

A arquitecta salientou que “nun conxunto que sufriu tantas transformacións ao longo do tempo, imos intentar que a lectura da arquitectura do edificio sexa o máis limpa posible e fiel á súa historia”. Nesta liña, vanse facer todas as obras necesarias para adaptar o inmoble aos usos que vai ter, deixando, na medida do posible, traza dos que tivo dende a súa construción na década de 1650.

 

Unha das propostas máis relevantes do proxecto é a realización dun núcleo de comunicación vertical que sexa útil tamén para o edificio principal e que sirva de enlace co mesmo. Este núcleo estará integrado por un ascensor de alta capacidade que permita mellorar a accesibilidade, seguindo as directrices que se recollen no Plan Director do Conxunto, e por unha escaleira que unirá todas as plantas do edificio. Neste núcleo de comunicación habilitaranse aseos novos.

 

A actuación inclúe a intervención nas fachadas desta ala sur do edificio, que se van revocar. Así mesmo, preténdese mellorar as condicións térmicas, con especial atención ás cubertas, que tamén se van someter a unha renovación completa.

 

Por outro lado, vanse incorporar instalacións de acondicionamento térmico, fontanería e saneamento, electricidade, telecomunicacións, seguridade, prevención antiincendios...; imprescindibles para os usos que vai acoller a ala sur. Substituirase ademais a estrutura portante dos forxados que se atopan en mal estado ou que son incapaces de soportar as cargas de uso dun museo.

 

Na obra programada polo Consorcio de Santiago inclúese a limpeza e restauración da fachada do atrio da igrexa de Bonaval, e da súa reixería histórica.

 

Unha oportunidade para coñecer o edificio

 

Antes de intervir neste edificio monumental, declarado Ben de Interese Cultural en 1912, vaise realizar unha lectura arqueolóxica do mesmo, o que representa “unha oportunidade única para saber como era o inmoble nas súas orixes. Poderemos obter información valiosa que servirá para coñecer mellor a forma de uso do edificio dende o século XVII, e que se poderá incorporar ao conxunto, de xeito que a intervención recupere o valor patrimonial do inmoble na medida do posible” -manifestou a arquitecta-.

 

Unha vez rematada a presentación do proxecto, celebrouse o Consello de Administración do Consorcio, que aprobou a planificación presupostaria do organismo para o ano 2019.