O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia publicaron o libro É a lúa que baila… María Victoria Moreno e a lírica dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca.
María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres 1939 – Pontevedra 2005) foi unha apaixonada de Federico García Lorca, sobre o que impartiu diversas conferencias en Galicia. En 1985, coincidindo co 50º aniversario da primeira edición dos Seis poemas galegos do autor andaluz, a escritora redactou un artigo sobre os mesmos por petición do profesor, académico e ex-presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero -autor do estudo introdutorio desta publicación- e que ata o momento só se publicara na revista Madrygal da Universidade Complutense en 2015. Tres anos despois, son poucos os profesionais da literatura que teñen coñecemento deste orixinal comentario de María Victoria Moreno.
A escritora resalta que Lorca constrúe a súa obra poética galega dun xeito moi semellante aos trobadores medievais que non eran galegos nin portugueses
O artigo recóllese agora neste libro. Trátase dun mecanoscrito de dezanove folios cunha portada co longo título do traballo (“Danza da lúa en Santiago”. Suxerencias para unha aproximación a Federico García Lorca, poeta galego) e o nome da autora, xunto a un texto no que sinala que “O propósito é dar algún argumento de que os Seis poemas galegos teñen o seu punto de partida no mesmo mundo poético que o resto da obra de Federico García Lorca”.
No seu traballo a autora resalta que “non fariamos unha boa lectura do Lorca poeta galego se non contextualizásemos os Seis poemas galegos no conxunto da traxectoria do seu autor e se non tomásemos como punto de referencia o mundo poético que este posuía cando veu a Galicia en 1932”. E afirma que o poemario galego está na liña do Romancero gitano (1928), asegurando que ese Lorca constrúe a súa obra poética galega dun xeito moi semellante aos trobadores medievais que non eran galegos nin portugueses: “Por se expresaren nunha koiné, renunciaban deliberadamente á riqueza léxica e gramatical das súas respectivas linguas locais” e o poeta andaluz, non experto en galego, “por poetizar nunha lingua que non coñecía, impúxose seica tamén deliberadamente, severas restricións en recursos expresivos”.
Unha homenaxe de Lorca a Galicia
Este estudo inclúe os Seis poemas galegos, que Federico García Lorca escribe a partir das viaxes que fixo a Galicia en 1932, cando tiña 35 anos e xa contaba cunha brillante traxectoria poética. En Madrigal á cibdá de Santiago o poeta alude á paisaxe, ao clima e ao paso do tempo polas seculares pedras de Compostela. En Romaxe da Nosa Señora da Barca cántalle á virxe. En Cantiga do neno da tenda (cun comentario amplo da autora no anexo deste libro) valórase a saudade do emigrante galego, mentres que Noiturnio do adolescente morto e Danza da lúa en Santiago teñen como tema común a morte. E, finalmente, en Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta Lorca fai un paralelismo entre a poetisa e Cristo.
“O feito de poetizar nunha lingua nova non leva a Federico García Lorca a experimentar nas posibilidades rítmicas desta lingua desde novos metros. O que fixo o granadino foi, simplemente, render homenaxe a Galicia desde as súas facultades innatas de poeta da intuición e desde as posibilidades adquiridas na súa traxectoria en castelán. O resultado é brillante tamén neste aspecto: media ducia de poesías, lorquianas na súa feitura e galegas nos seus efectos” -explica María Victoria Moreno no seu artigo-.