Recupéranse dous textos de Antón Fraguas vencellados á cidade de Santiago

mércores, 30 Outubro, 2019

O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia sacaron á luz Notas compostelás de Antón Fraguas, en colaboración coa Fundación Antón Fraguas Fraguas. Trátase de dous textos do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, vencellados á cidade de Santiago e traducidos ao galego por Xesús Domínguez Dono.

 

“A obra de Fraguas é en boa medida un corpus espallado por unha manchea de publicacións de todo tipo. E a Editorial Galaxia recuperou durante este ano moitos deses textos espallados, reactualizándoos para a súa lectura neste século XXI, onde as temáticas por el tratadas seguen a ser tan interesantes” -sinalan dende a editorial-.

 

A vida colexial compostelá

 

En Notas compostelás recupéranse dous textos. “A vida colexial compostelá. Os homes e as institucións”, escrito en 1975, versa sobre a vida estudantil de Santiago nos seus catro séculos de historia, cun repaso polas principais figuras académicas e as súas institucións. Así, recolle a historia de varios colexios maiores como o de Santiago Alfeo (Colexio de Fonseca), relatando os avatares da súa fundación, facendo referencia aos seus primeiros mestres e colexiais, como era o día a día no seu seo, as súas normas; ata as súas festas, celebracións e banquetes.

 

Neste texto Fraguas aborda tamén a historia do Colexio de San Xerome, resaltando as “atroces novatadas” que se realizaban no seu interior aos estudantes de primeiro ano. Así mesmo, fala do Colexio de San Clemente; do de San Salvador, que un colexial de Fonseca fundou para membros da súa familia, pero cunha curta traxectoria; e do Colexio dos Irlandeses. Como colofón a este primeiro relato, Antón Fraguas pon de manifesto que tanto onte como hoxe, os estudantes sempre foron “inquedos e alborotadores”.

 

A Sociedade Amigos da Arte de Santiago de Compostela

 

O segundo texto titúlase “A Sociedade Amigos da Arte de Santiago de Compostela. Apuntamentos para a súa historia” e escribiuno no ano 1974. Fraguas afonda no proceso de constitución e no regulamento desta sociedade, que nace en 1928 impulsada por un grupo de pintores da cidade, apoiados por escultores, debuxantes e xornalistas. Recolle as mostras se levaron a cabo e o listado de artistas que expuxeron nela, os concursos e premios que se promoveron, ata que unha serie de problemas conducen ao final da entidade no ano 1931.

 

O libro está ilustrado con fotografías propiedade do Consorcio de Santiago e do arquitecto do organismo Ramón Fernández Hermida. Son imaxes históricas do propio Antón Fraguas, dos colexios maiores sobre os que escribe o autor, xunto a imaxes vencelladas á traxectoria da Sociedade Amigos da Arte de Santiago de Compostela.