Remata a obra de eliminación de humidades na escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

mércores, 11 Xaneiro, 2017

O Consorcio de Santiago vén de rematar a obra de eliminación de humidades que afectaban á escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego. O orzamento global desta intervención ascendeu aos 44.165 euros.

 

A actuación centrouse na torre situada no ángulo noroeste do Convento de San Domingos de Bonaval, que alberga no seu interior a extraordinaria escaleira barroca helicoidal de tres corpos deseñada por Domingo de Andrade. “Producíanse filtracións da auga da chuvia ao interior, procedentes do encontro dos seus muros coa cuberta e das propias xuntas do mamposto. Así, recebáronse os muros que conforman o buque da escaleira, tanto polas superficies interiores como, especialmente, polo exterior” -explica a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga, coordinadora deste proxecto-.

 

Actuacións no interior

 

No interior da torre, o cilindro estaba revocado cun revestimento de cemento na meirande parte da súa superficie e de cal nalgunhas das partes altas. O revestimento estaba, en xeral, en bo estado na parte inferior pero con aparición de humidades a medida que se ascendía. A parte baixa dos muros non estaba recebada e a humidade era patente en toda esta superficie situada baixo as ramplas helicoidais, no seu arranque. A dispersión da humidade no interior parecía ser debida a filtracións de auga a través dos paramentos verticais, que, na parte baixa, ao perderen as revocaduras, perderan tamén a súa protección fronte á auga da chuvia e de capilaridade dende o terreo. Estas humidades provocaban o desprendemento da revocadura interior e a degradación do aspecto da fábrica.

 

Así, elimináronse as revocaduras interiores nas zonas nas que foi necesario, especialmente na parte alta do buque da escaleira e fíxose unha revocadura de saneamento na zona interior do buque. E realizouse un pintado final con pintura mineral que permite o paso do vapor de auga.

 

A protección das monteas

 

Por outro lado, “principalmente no pavimento, no arranque da escaleira, atópanse as monteas (debuxos ou trazas que servían como guía á hora de tallar cada pedra), únicas en Galicia, que realizaron os canteiros para levantala. Debido ao tránsito de visitantes, que pisan sobre as lousas que as conteñen, e a limpeza cotiá, sufrían un forte desgaste, de xeito que as monteas que aínda se conservan acabarán por desaparecer, no caso de que non se tomen medidas de protección” -salienta Camiruaga-.

 

Para evitar o tránsito sobre as monteas, fíxose unha plataforma de paso lixeiramente elevada, de maneira que os transeúntes saiban onde pisar e poidan apreciar, ao mesmo tempo, as vellas trazas sen provocar a súa destrución.

 

Actuacións no exterior

 

Dende a Oficina Técnica do Consorcio indican que, polo exterior, aínda que o estado da pedra era bo, existía colonización de plantas en toda a superficie, polo que se limparon as fachadas, ás que logo se lles aplicou unha revocadura de cal e se pintaron finalmente cunha pintura mineral. “Esta revocadura seguiu as trazas da que tivo noutros tempos. Os edificios de grande arquitectura, estaban, en xeral, revocados e non rematados coa pequena pedra de cachotaría -espidos-, como quedaron tralas intervencións da primeira metade do século XX” -explica Camiruaga-. Tamén se eliminou a vexetación da cuberta e substituíronse as tellas en mal estado.

 

As carpinterías e a reixa do balcón da torre precisaban traballos de reparación e repintado. Ademais, o sistema de peche da porta de acceso ao balcón, na fachada oeste, provocara a rotura do lintel, que se reparou.