O Consorcio de Santiago rematou as obras de mantemento da igrexa de San Caetano, por un importe global de 19.758,63 euros. O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio Pablo Tomé. Explica que “o problema fundamental da capela era o relativo á súa imaxe exterior. Podíase apreciar certa deterioración da pintura e da pedra nas catro fachadas, fundamentalmente nos muros que sobresaen do tellado para formar o cruceiro do corpo central do inmoble”.
O arquitecto destaca a sucidade que había na pedra da fachada principal, en particular no campanario, “circunstancia que non tería maior importancia de non ser pola localización estratéxica que a igrexa ten á entrada a cidade na cara norte, con moita visibilidade debido á súa presenza illada”.
Segundo Tomé, no interior da igrexa podíase apreciar certa humidade en parte dos muros que sosteñen a cúpula central. Esta situación debíase, en boa medida, ao desprendemento dunha das baixantes do tellado deste corpo. Por outro lado, o tellado que cobre o pequeno corpo da esquina noroeste, que antigamente fora unha vivenda, estaba en estado regular, posto que non fora rehabilitado ao tempo que o resto.
As intervencións realizadas
Entre as intervencións que se realizaron na capela, destaca a renovación da pintura exterior das catro fachadas e do corpo central da igrexa. Ademais, realizouse unha limpeza da pedra da fachada principal co campanario e as esquinas. Por último, levouse a cabo a renovación do tellado da esquina noroeste coa introdución dun lucernario en substitución duna vella uralita translúcida.
“Moi importante foi a consolidación da parte superior da espadana e a súa unión coa caseta situada na parte posterior, que estaba totalmente separada. Tamén se renovaron as grapas de metal de unión da sillería da espadana; ao tempo que se consolidou a base esférica da cruz, que estaba completamente aberta” -indica o arquitecto-. Tomé salienta que, “así mesmo, modificamos as baixantes de pluviais da esquina sureste para diminuír a auga da chuvia do parterre, responsable de gran parte da humidade do chan do altar”.