Rematan as obras na cuberta da igrexa de San Paio de Sabugueira

venres, 9 Outubro, 2015

No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, o organismo interadministrativo interviu na igrexa de San Paio de Sabugueira, situada na Lavacolla. Os traballos, cuxo orzamento global ascendeu aos 18.554,44 euros, centráronse en particular na cuberta do templo. 

 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, explica que “a finalidade desta intervención era reparar a cubrición do templo, eliminando, ao mesmo tempo, as plantas superiores dos encontros entre o tellado e a torre-campanario”.

 

A arquitecta sinala que o encontro entre a torre-campanario e a cuberta presentaban algunha invasión de plantas que enraizaban nas xuntas e tamén nos encontros entre elementos construtivos. Ademais, a cuberta atopábase en mal estado, xa que estaba deformada pola rotura dalgunha das pranchas baixo a tella e tiña moitas tellas desprendidas, co risco que isto supoñía para o normal uso do adro e do cemiterio. A pesar desta situación, non había filtracións de auga no interior do edificio.

 

Substituíuse a tella

 

Na cuberta do templo substituíuse a tella. “Ademais, colocouse unha peza especial de remate no cumio do tellado, baixo a tella, para asegurar a ventilación da cámara do baixo cuberta, que aínda mantén a estrutura de madeira en bo estado” -indica Camiruaga-. Por outro lado, efectuouse unha revisión dos encontros entre o tellado e o remate da fachada principal, coa colocación de babeiros especiais en toda a súa lonxitude.