Rematan as obras na cuberta e fachadas sur e oeste da igrexa da Orde Terceira Franciscana

martes, 3 Xaneiro, 2017

O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de renovación da cuberta e das fachadas sur e oeste da igrexa da Orde Terceira Franciscana. Esta intervención tivo un orzamento global de 100.000 euros.

 

A igrexa da Orde Terceira Franciscana está integrada no conxunto do convento de San Francisco, declarado Ben de Interese Cultural en 1896. O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Xosé Allegue, explica que “esta intervención centrouse na restauración das fachadas sur e oeste da igrexa, que, ao careceren de canlóns, presentaban problemas derivados da acción das escorrentías da cuberta así como da salpicadura da auga dos aleiros contra as fachadas”.

 

Outro dos obxectivos prioritarios desta obra era a recolocación das tellas do tellado, que, ao estaren simplemente apoiadas sobre os cangos, levantábanse cada vez que había temporal, o que provocaba a entrada de auga ás bóvedas e ás revocaduras da nave. E, en consecuencia, poñíase en perigo a imaxinería e o retablo da igrexa. Segundo o arquitecto, “o retellado facilitou a substitución e a reparación de cangos e pontóns en mal estado, e a implementación de ganchos longos que permitirán un maior solapamento da tella, de xeito que se aportou tella vella idéntica á existente para compensar a superficie total. Isto dificultará a entrada de filtracións de pluviais”.

 

O saneamento das fachadas

 

Por outro lado, levouse a cabo o saneamento das fachadas, repicando a capa de revocadura en mal estado da fachada oeste na zona do coro. O resto da fachada oeste carecía de revocadura, polo que se aplicou co fin de garantir a estanquidade da fachada. Finalmente, pintouse con pintura especial de silicato. No caso da fachada sur, conserva a súa revocadura en bo estado, de xeito que simplemente houbo que limpar e sanear o soporte existente para un posterior pintado ao silicato idéntico ao das outras fachadas.

 

Para evitar que o problema das escorrentías da cuberta se reproduza sobre os novos paramentos, instalouse un canlón e baixantes de cobre, que conducen directamente a auga da cuberta á rede. Por último, limpouse a pedra dos cercos das ventás.

 

Durante as obras protexeuse unha colonia de cirrios

 

Cando ían comezar as obras, detectouse no edificio a presenza dunha colonia de cirrios (vencejos), unha especie protexida que ademais se atopaba en fase de reprodución. Entón o Consorcio púxose en contacto coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO BirdLife) para reunir a información pertinente e tomáronse as medidas necesarias para non tapar durante os traballos ocos e fendas que as aves usan para aniñar.