O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar Victoriano García Martí. Por los caminos del siglo XX. Obra periodística olvidada (1914-1963), unha recompilación de artigos do escritor realizada por Arantxa Fuentes Ríos, doutora europea en Teoría da Literatura e Literatura Comparada e profesora na Universidade de Santiago de Compostela.
Pensador europeísta e avanzado, herdeiro dos fitos do Rexurdimento galego, Victoriano García Martí (A Pobra do Caramiñal, 1881 – Santiago de Compostela, 1966) é unha figura lamentablemente esquecida pola historia da literatura e do pensamento. Amigo persoal de Valle-Inclán, voz reivindicativa do legado de Rosalía de Castro (en 1944 publica a primeira edición das súas Obras Completas), foi tamén un pioneiro na defensa do turismo como fonte de riqueza cultural. Foi secretario do Ateneo de Madrid, membro da Real Academia Galega e da Real Academia Española, presidente da Casa de Galicia en Madrid... Ao longo da súa vida desenvolveu un nutrido labor intelectual que quedou sepultado no máis fondo dos esquecementos.
Esta antoloxía reúne, por primeira vez en libro, 60 artigos xornalísticos escritos por García Martí entre 1914 e 1963, un período onde a Guerra Civil e a posterior ditadura marcarán profundamente a vida e a obra do autor. “Estes textos descúbrennos a un auténtico avanzado na súa época” -explica Arantxa Fuentes-. Aspectos como o valor do turismo, a reordenación dos órganos culturais, a defensa da liberdade dos pobos ou o feminismo, atravesan as súas páxinas acompañados de lúcidas reflexións.
García Martí apostaba pola educación e a cultura como canles para rematar coa desigualdade entre sexos
En relación ao tema do feminismo, nos seus textos laméntase da desigualdade entre sexos e reivindica abertamente a necesidade da independencia social e laboral da muller. Nesta liña, apostaba pola educación e a cultura como canles para acabar con esa desigualdade.
Por outro lado, a reivindicación da identidade e a modernización de Galicia (cuxa mellora só chegará a través da “cultura e a economía”) é tamén unha constante do seu pensamento; ao igual que a súa visión de Santiago de Compostela como cidade literaria.
Ademais dos seus libros e artigos publicados na prensa periódica, é autor dun nutrido número de ensaios filosóficos, literarios e etnográficos. Foi un intelectual profundamente humanista e comprometido pero a súa frenética actividade foi truncada pola súa detención e posterior estadía en prisión entre 1937 e 1939 a causa de “estar afiliado ao partido de Izquierda Republicana, ser el secretario del Ateneo y escribir en periódicos de izquierdas” -segundo apunta o investigador Fernando Casanova Fernández-.
“A escasísima bibliografía sobre García Martí e o esquecemento que ten sufrido en todos os ámbitos, obrigounos a un exhaustivo labor de documentación, tanto a través do seu arquivo persoal (depositado na Casa-Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal), a consulta do fondo documental do Museo do Pobo Galego, así como unha meticulosa revisión da prensa dende 1912 ata a súa morte en 1966” -sinala Arantxa Fuentes-. A autora explica que o arquivo persoal de García Martí resultou mermado polo máis que seguro expurgo que tivo lugar trala súa detención, ademais da inundación que sufriu a súa casa na Pobra. O seu arquivo persoal recolle cartas, fotografías, mecanuscritos, anotacións para cursos e conferencias, borradores, numerosos recortes de xornais das súas publicacións e mesmo textos xa publicados que foron corrixidos de novo.
Catro capítulos temáticos
Esta antoloxía divídese en catro capítulos temáticos. Como consecuencia do seu paso polo penal de Burgos, a partir dos anos 40 abandona practicamente por completo os artigos de corte político e reivindicativo, tan presentes nos anos 20, para centrarse en cuestións etnográficas e históricas, afondando máis en temas de carácter filosófico e histórico.
A primeira parte do libro céntrase en cuestións de política e sociedade española. Logo reúnese toda a temática vencellada con Galicia. De seguido aparece como protagonista a cidade de Santiago de Compostela, unha das constantes no seu pensamento. E, por último, aglutínanse semblanzas e entrevistas, unha serie de homenaxes e retratos escritos polo autor referentes a figuras como Concepción Arenal, Miguel de Unamuno ou Valle-Inclán, entre outros.