A RFG e o coro Capela Compostelana ante o reto de interpretar a Brahms

A RFG e o coro Capela Compostelana ante o reto de interpretar a Brahms
martes, 12 Novembro, 2013

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro, mañá mércores, día 13, ás 20:30 horas, no Centro Cultural Novacaixagalicia en Vigo. E o xoves, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. O coro Capela Compostelana acompañará á orquestra no difícil reto de interpretar a Brahms. Ademais, unha obra de Sibelius completará estas veladas musicais, baixo a batuta do director Paul Daniel.

 

A primeira parte de ambos concertos centrarase en dúas obras do compositor alemán Johannes Brahms (1833-1897). Trátase de Nänie, para coro e orquestra, composta sobre un belo poema de Friedrich von Schiller, que fala sobre a imposibilidade de evitar a morte e que Brahms compuxo en memoria do seu finado amigo Anselm Feuerbach. Por outro lado, Canción do destino é unha das obras corais máis importantes de Brahms. Parte do poema do alemán Friedrich Hölderlin, baseado no pensamento antigo en relación ao destino.

 

O director do coro Capela Compostelana, Miro Moreira, sinala que neste concerto participarán un total de 60 membros do coro, quince por cada corda. “O grao de dificultade das obras é alto. O maior traballo, unha vez resoltos todos os problemas de tesituras e afinación, consiste en lograr unha correcta fonética do alemán, idioma que contén combinacións de consoantes difíciles de traballar no canto” -explica-.

 

Antes da celebración do concerto de Santiago, o director da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, manterá unha charla cos asistentes á velada musical. Será ás 20:00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto.