A RFG interpreta a banda sonora de «Muerte en Venecia» e «Un perro andaluz»

Claudio Martínez Mehner
mércores, 6 Novembro, 2013

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra mañá xoves, día 7, ás 21:00 horas, o seu concerto semanal no Auditorio de Galicia cunha homenaxe ao cine. No marco do festival Cineuropa e baixo a batuta do director compostelán Maximino Zumalave, a orquestra interpretará a banda sonora de dúas películas xa clásicas no ámbito nacional e internacional: Muerte en Venecia e Un perro andaluz.

 

A proxección dun fragmento da película Muerte en Venecia, do director italiano Luchino Visconti, irá acompañada da interpretación en directo da súa música orixinal. Trátase do Adagietto da Sinfonía nº 5 en Do sostido menor de Gustav Mahler, que coroa o tráxico e triste final do filme.

 

A continuación proxectarase a curtametraxe muda Un perro andaluz, dirixida por Luis Buñuel e coa colaboración no guión de Salvador Dalí. A súa banda sonora intercala dúas obras diferentes. Por un lado o tango El Choclo, do músico arxentino Ángel Villoldo, considerado o pai do tango, aínda que nesta ocasión a orquestra interpretará a versión do mesmo realizada por Alfonso Morán. E, por outro lado, Preludio e morte de amor de Isolda, da ópera Tristán e Isolda, obra do compositor alemán Richard Wagner.

 

A velada cinematográfico-musical completarase co Concerto en Do maior para piano e orquestra de Nino Rota, compositor italiano de música clásica e cinematográfica, en particular de películas de Federico Fellini como La dolce vita. A súa maior popularidade veulle por ser o creador da banda sonora de El Padrino, traballo que lle valeu un Óscar. O mozo pianista de orixe alemán Claudio Martínez Mehner acompañará á orquestra no piano.