A RFG presenta por primeira vez en España a obra Up-Close

A RFG presenta por primeira vez en España a obra Up-Close
martes, 29 Outubro, 2013

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra este xoves, día 31, ás 21:00 horas, o seu segundo concerto da tempada con catro obras de música contemporánea. Baixo a batuta do seu director, Paul Daniel, a orquestra presentará, por primeira vez en España, Up-Close, do xove compositor holandés Michel van der Aa. Con tan só 43 anos, é un dos compositores contemporáneos máis sorprendentes. Destaca a súa habilidade para fusionar instrumentos clásicos con efectos sonoros electrónicos e vídeos, o que o diferenza de boa parte dos seus coetáneos. Este ano gañou o Premio de Composición Musical Grawemeyer por esta obra multimedia.

 

Up-Close é en parte un concerto para violonchelo e en parte unha película de ópera. Nun lado do escenario situarase o conxunto de cordas e a violonchelista coprincipal da RFG, Barbara Switalska, que actuará como solista e interaccionará coa película. Noutro extremo levantarase unha gran pantalla de vídeo, onde unha señora maior se senta entre cadeiras e atrís, ao igual que acontece na vida real no escenario. No público xérase a incógnita de se a anciá e a violonchelista xogan o mesmo papel; a ambas as une a idea da soidade. Ao longo de toda a obra reflíctese, a modo de espello, o que sucede a un e outro lado do escenario.

 

Os instrumentos en vivo contémplanse cunha banda sonora electrónica. Nalgúns momentos ambos elementos se relacionan entre si e noutros parecen sons derivados da acción que mostra a pantalla. Unha obra con moitas preguntas sen resposta e un sorprendente golpe de efecto ao final. O resultado son 30 minutos de auténtico suspense.

 

Van der Aa móstrase “encantado” de que a súa obra debute no noso país. O compositor holandés define a súa obra Up-Close como “un xogo de cambio de perspectivas que se centra nunha comunicación fallida entre unha solista en vivo e unha señora maior capturada na película”.

 

As obras do compositor galego Fernando Buide son interpretadas por múltiples formacións musicais en Estados Unidos

 

Outra das obras que se presentará no transcurso do concerto é Tropos para orquesta, do xove compositor galego Fernando Buide del Real. Cunha duración de 7 minutos, fai referencia a un procedemento de composición xurdido na música medieval. Trátase dunha pequena peza que de forma independente comezou a usarse noutras maiores e foi dando lugar a pezas máis complexas. Composta no ano 2007, a obra estreouna en xaneiro de 2008 a propia Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave.

 

Nado en Santiago de Compostela e con residencia habitual na cidade da Coruña, Buide é doutor pola Universidade de Yale. Con tan só 33 anos, a súa música xa foi interpretada por múltiples formacións de Estados Unidos e programada en festivais nacionais e internacionais. O compositor galego opina que “a música contemporánea non debería presentarse como un xénero illado e separado do resto da música. Moitas veces a dificultade na súa comprensión deriva do pouco expostos que estamos a ela”. Nesta liña, considera moi positivo o feito de programar música clásica con obras de calquera outro período, o que permite buscar puntos en común entre os diferentes estilos e épocas.

 

O concerto complétase con dúas obras de compositores británicos

 

O concerto completarase con outras dúas obras. Por un lado, Suite sobre canciones poulares inglesas “A time there was…”, do compositor británico Benjamin Britten, do que este ano se celebra o centenario do seu nacemento. Son un total de cinco pezas, das cales el compuxo catro no ano 1974 mentras se recuperaba dunha operación de corazón. Baséanse en antigas cancións folclóricas inglesas.

 

E, por outro lado, a Real Filharmonía de Galicia interpretará Fantasía concertante sobre un tema de Corelli (Omaggio a Italia), do compositor londinense Michael Tippett, un dos autores ingleses máis importantes da segunda metade do século XX. Compuxo esta obra en 1953 para celebrar o terceiro centenario do nacemento de Corelli e estreouse no festival de Edimburgo.