Sae a concurso a renovación do escenario do Teatro Principal

venres, 30 Outubro, 2015

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso a renovación do escenario do Teatro Principal. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 23 de novembro.

 

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto é Pablo Tomé. Explica que esta intervención centrarase fundamentalmente na realización de tarefas de acondicionamento e renovación do sistema escénico, xunto coa substitución dos importantes canlóns situados sobre os muros medianeiros do edificio.

 

En 2014 o Consorcio de Santiago executou o proxecto de accesibilidade e renovación no Teatro Principal. Como parte da accesibilidade fíxose un novo aseo adaptado na planta baixa; colocáronse pasamáns en diferentes zonas de paso, en palcos e balcóns; creouse unha rampa de acceso ao corpo de vestiarios… Na instalación eléctrica substituíuse o grupo electróxeno, ao tempo que se renovaron diferentes pezas do sistema de climatizacion e do sistema antiincendios. Entre outras actuacións, tamén se renovou gran parte do corpo de vestiarios. Así, este novo proxecto vén a rematar partes do anterior que quedaron sen resolver e amplíase coa intervención no corpo do escenario.

 

Actuacións propostas no corpo do escenario

 

No corpo do escenario revisarase a cuncha acústica, que se construíu hai preto de vinte anos, polo que precisa unha revisión mecánica de todas as partes que a compoñen e na súa conexión coas bambalinas. 

 

Ademais, renovarase a cámara negra no escenario. Esta parte do sistema escénico, composta de diferentes teas, é moi utilizada e sufriu moito polo seu uso. Así, atópase en mal estado e non cumpre coa resistencia necesaria fronte ao lume. E instalarase un mecanismo para facilitar o uso da gran lámpada central do teatro.

 

Por outro lado, aplicarase un revestimento con pintura intumescente na estrutura metálica que forma a cuberta do escenario. “Esta parte do tellado foi a actuación máis importante do proxecto de reforma que se levou a cabo no ano 1986 co fin de aumentar a altura da parte escénica do teatro e acoller os modernos sistemas de escenificación. Para iso substituíronse as cerchas de madeira por outras metálicas, instalándose dous metros máis altas. Non obstante, esta estrutura, moi esbelta, non cumpre na actualidade co tempo necesario de resistencia en caso de incendio, polo que se vai protexer cunha pintura especial” -indica o arquitecto do Consorcio-.

 

Outras actuacións propostas no edificio 

 

Entre outras actuacións que se van levar a cabo no edificio do Teatro Principal, destaca a renovación dos canlóns situados sobre os muros medianeiros. Estes dous grandes canlóns recollen case toda a auga do gran tellado pero a falta de pendente produce apozamento da auga e desbordamento fóra da baixante. Tamén se reparará a estrutura do baixocuberta, que ten o chan de madeira cun entaboado sinxelo e parte destas táboas atópanse en mal estado. E no tellado repoñeranse as tellas que presentan deficiencias.

 

Por outro lado, renovarase o corpo de vestiarios, en particular os pavimentos das escaleiras, as mesas dos tocadores e a pintura das paredes. Así mesmo, pintarase a fachada traseira do teatro, incluída a cheminea de ventilación. Renovaranse as instalacións eléctricas e de iluminación das pasarelas e da caixa escénica. Instalarase un moble de información e almacenamento no vestíbulo. E no aseo da planta baixa colocarase un cambiador de bebés e un desfibrilador.

 

Un dos teatros con maior actividade de toda España

 

Pablo Tomé afirma que “todos os monumentos esixen un mantemento pero, se teñen un valor social e un uso tan intenso como o Teatro Principal de Santiago, con máis razón”. Nesta liña, o arquitecto salienta que se trata dun dos edificios públicos máis usados de España, xa que ofrece teatro, teatro escolar, cine, sala de conferencias, festivais de música e de cine… 

 

Ademais, destaca que “é un teatro de referencia dende o punto de vista arquitectónico, perfectamente integrado no casco histórico compostelán, entre construcións que existen dende a orixe da cidade hai 1.000 anos. É de mediados do século XIX pero antes xa había no mesmo lugar unha casa de comedias e mantén case as mesmas características que tivo dende a súa inauguración en 1950”.