Un libro reúne os artigos que Isaac Díaz Pardo publicou nos xornais galegos entre 1963 e 2009

mércores, 6 Febreiro, 2019

O Consorcio de Santiago e Andavira Editora acaban de publicar o libro O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo, unha recompilación do filólogo Xosé Ramón Fandiño Veiga que reúne as colaboracións xornalísticas realizadas polo intelectual galeguista entre os anos 1963 e 2009, na súa maior parte en xornais galegos.

 

Trátase dunha recompilación dos artigos xornalísticos que Isaac Díaz Pardo (1920-2012) escribiu entre o ano 1963 e 2009, un total de 514 rexistrados. Publicáronse no xornal A Nosa Terra de Buenos Aires e nos galegos Faro de Vigo, La Región, El Progreso, El Correo Gallego e, fundamentalmente, en La Voz de Galicia. Os do Faro de Vigo e El Progreso levaban todos o título xenérico de “Olladas dende o Atallo ao Camiño dos Mortos”. Nos de La Voz de Galicia o título da sección comezou sendo “Bloc de Notas”, pasou a ser “De sol a Sol”, desde 1993 “Crónicas Inconformistas de Fin de Século” e, co cambio de século -desde 2001- “Crónicas Inconformistas”.

 

Os artigos deste volume están ordenados de maneira cronolóxica, o que permite ver “a evolución do autor en canto á visión de certos temas, como vai descartando outros e como leva aos seus límites a súa escritura e a visión do mundo”.

 

Do total dos 514 artigos tan só 12 foron escritos en castelán. Os demais escribiunos en galego, “nun galego bastante ortodoxo -tal como indica Xosé Ramón Fandiño-, cun moderado arrecendo diferencialista e aberto aos empréstitos do portugués, pois unha tese defendida en moitas destas súas crónicas é que a lingua galega nos chegou por tradición oral e se converteu nunha lingua deturpada e perseguida polo castelán, que nos deixou este castrapo no que escribo”. O filólogo sinala, non obstante, que é “un galego gramaticalmente correcto e cun léxico moi puro, aprendido na súa infancia santiaguesa e do seu contacto con grandes mestres da Literatura galega como Castelao, Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Blanco Amor, Neira Vilas, Luís Seoane, Lorenzo Varela...”.

 

Fandiño explica que “o título desta colección de artigos está inspirado na ilustración da tapa do libro: eses ollos grandes, decote presentes nos cadros e deseños de Isaac, que nos miran interrogantes na procura dunha explicación que nós non temos. Son eses ollos de Isaac que o ven todo e que non deixaron nunca de escrutar a cara oculta das apariencias que nos rodean. Eses ollos que non son ollos porque os vexamos, senón que son ollos porque nos ven”.

 

A historia e a lingua de Galicia

 

“A maioría dos artigos tratan de asuntos da historia de Galicia e da súa lingua como factor identitario da nosa tradición. Como adiantado que foi da visión ecolóxica son reiterativos os seus artigos sobre os incendios forestais, os recursos minerais, a plantación de eucaliptais, a arquitectura rural e a súa profunda e constante preocupación polo espolio que dos nosos recursos naturais e culturais se levou a cabo con Galicia a través dos séculos” -salienta o filólogo-. “En definitiva, o fío condutor nos traballos xornalísticos de Díaz Pardo xira sempre sobre temas de xustiza social, da memoria da República, do Seminario de Estudos Galegos e da restauración da dignidade dos vencidos na Guerra Civil” -remarca-.

 

En opinión dos editores deste compendio, “os artigos xornalísticos de Isaac Díaz Pardo teñen un valor perenne, que é o que nos alentou para coleccionalos e pasalos da folla de xornal ao formato de libro moderno”.

 

Colaborador de Isaac Díaz Pardo

 

Xosé Ramón Fandiño Veiga, licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, foi redactor e director da Gran Enciclopedia Gallega, ademais de colaborador de diversos medios de comunicación. Como ensaísta, salientan os seus estudos sobre diversos aspectos da cultura e da literatura galega. É autor de varios libros. Así mesmo, ten unha ampla traxectoria como tradutor ao galego de publicacións de Historia e Arte, principalmente.

 

Membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e presidente da Fundación do Pedrón de Ouro, foi durante dez anos colaborador de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información e ten participado en diversos foros e publicado numerosas monografías sobre a súa figura.