Unha exposición reúne na Casa do Cabido fotografías en 3D de Santiago e da catedral de Enrique Criado

martes, 27 Setembro, 2016

Baixo o título “Compostela, a Terceira Dimensión”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de instantáneas en 3D da cidade de Santiago do estereógrafo coruñés Enrique Criado. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías.

 

Esta mostra reúne un total de 35 imaxes representativas do casco histórico compostelán, en particular da catedral -como final do Camiño- e do seu contorno. Hai fotografías nocturnas, dos peregrinos, das prazas, rúas e lugares máis emblemáticos… que foron rexistradas polo autor mediante distintos tipos de cámaras fotográficas en 3D en diferentes épocas ao longo dun período de 16 anos. Todas elas forman parte da súa colección persoal. Algunhas xa foron tomadas en 1999, polo que se pode ver a fachada da catedral e o Pórtico da Gloria sen andamios, e as máis actuais corresponden a este verán.

 

“A finalidade é converter ao espectador nunha testemuña virtual, de xeito que perciba, en primeira persoa, eses fragmentos de realidade que unha imaxe convencional ou en dúas dimensións non pode transmitir” -indica Enrique Criado-. Para a visualización destas fotografías empréganse lentes con filtro de cor.

 

Tal como explica o autor, “a imaxe en 3D é o máis parecido á percepción da realidade. A visión humana é unha visión estereoscópica ou binocular, en tres dimensións. Permítenos percibir as distancias, o volume e os tamaños dos obxectos. Isto é posible grazas a un fenómeno chamado estereopsis, que consiste nunha interpretación que fai o noso cerebro das diferenzas entre as imaxes captadas polos dous ollos. Estas diferenzas entre os ollos débense á distancia que existe entre os mesmos, habitualmente duns 65 milímetros, que neste proceso de estereopsis convértese no factor máis importante da percepción de profundidade”.

 

Enrique Criado, asesor nas Olimpíadas de Londres e na proxección de “A Guerra das Galaxias” en 3D

 

Enrique Criado leva máis de dúas décadas traballando en diferentes ámbitos da produción audiovisual. Os seus avanzados coñecementos sobre a imaxe estereoscópica levárono a supervisar o 3D nas Olimpíadas de Londres 2012, asesorar a LucasFilm na proxección do filme A Guerra das Galaxias en 3D, recibir diversos premios internacionais neste eido, impartir conferencias nos eventos internacionais máis prestixiosos do sector (Ámsterdam, París, Sidney… e ata nos Estados Unidos para a Asociación de Directores de Hollywood), ademais de ser membro do xurado en recoñecidos certames.

 

A imaxe en tres dimensións converteuse na súa paixón e a súa afección pola fotografía estereoscópica teno levado durante anos a fotografar en 3D, rexistrando “anacos de realidade”. Na actualidade dispón dun arquivo composto por miles de imaxes.

 

A exposición, especialmente atractiva para os colexios, poderá visitarse na Casa do Cabido ata finais de novembro

 

Esta mostra resulta especialmente indicada e atractiva para os centros educativos. Os colexios que estean interesados en visitala deberán poñerse en contacto coa Casa do Cabido no teléfono 981 576 661.

 

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata finais do mes de novembro. Poderá visitarse no horario habitual, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns está pechada ao público. E a principios de novembro comeza o seu horario de inverno, que polas tardes pasa a ser de 16:00 a 20:00 horas.